Un gran festival solidario encherá de música Recimil

FERROL

CEDIDA

Para o Banco de Alimentos

07 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O vindeiro sábado o Mercado de Recimil acollerá un festival solidario a favor do Banco de Alimentos Rías Altas no que non faltará ninguén. Nestes días os responsables desta entidade da que forman parte Manuel González e Fernando Martínez, recrutan a voluntarios para atender a gran recollida de alimentos prevista para os días 22 e 23 deste mes e fornecer os almacéns. Pero antes, precisamente una das voluntarias do Banco de Alimentos, Begoña Santalla, é quen se encargou de organizar, en colaboración con María José Pita, da A.VV. de Recimil e Raquel Caaveiro, da Asociación de Vendedores do Mercado de Recimil, o que vai ser un macro festival no que participarán este sábado quince grupos e artistas da comarca que se sumaron á iniciativa. Desde as 11.30 o mercado de Recimil converterase nunha sala de concertos pola que pasarán artistas como Marcos Mella ou Andrés Balado, The Kids Band, Mos, Roger de Flor e moitos máis. Todo, só a cambio de que os asistentes acheguen alimentos non perecedoiros. Desexamos que exista unha gran resposta solidaria. O esforzo de todos os implicados meréceo.

Maridaxes con mel

Preto dunha trintena de postos instalaranse o vindeiro domingo, día 10, no recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, co gallo da XIX Feira do Mel e sector primario afín, organizada polo Concello de Narón e que contará con múltiples propostas dirixidas a persoas de diferentes idades, entre elas un apartado gastronómico, con showcooking e degustación final a cargo da empresa Pata Celta , no que levarán a cabo diferentes elaboracións maridando Porco celta e mel local. Maira Vilar, é unha das fundadoras de Pata Celta , unha empresa slow food de Lugo que recupera a única raza porcina galega en perigo de extinción, buscando constantemente a innovación para exaltar a calidade do pata negra galego. Ela será a encargada da maridaxe da carne de Porco Celta con mel con diferentes propostas culinarias que non deixarán a ninguén indiferente. As súas hamburguesas e croquetas de Porco Celta , forman parte desde hai algún tempo dos menús dos centros de Inditex. Será un pracer vela traballar co seu equipo o domingo en Narón.

CÉSAR TOIMIL

Chega «Fariña» a Ferrol

O libro non deixou a ningún dos seus lectores indiferente, a serie foi outro gran éxito televisivo e agora chega ao auditorio de Ferrol a adaptación teatral do popular libro de Nacho Carretero, «Fariña». O guion da versión teatral está asinado polo dramaturgo naronés José Luis Prieto. Mañá, venres e sábado, ambos os días ás 20.30 horas, un elenco formado por Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cristina Iglesias dará vida aos personaxes desta adaptación do libro que nos traslada á historia do narcotráfico en Galicia nas últimas décadas. Prieto contaranos esta mañá en Radio Voz Ferrol, 105,4 FM, como logrou condensar en pouco menos de dúas horas unha historia tan real como a que relata a peza situada entre o drama e a comedia e que dirixe outro gran actor, TitoAsorey .