Unións Agrarias propón que a Xunta, e non os tecores, asuma as indemnizacións por danos do xabaril

LA VOZ FERROL

FERROL

JOSE PARDO

Expón que o Goberno galego se responsabilice do control das poboacións, con apoio da caza social

12 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Unións Agrarias propón que sexa a Xunta, e non os tecores, a que asuma o pagamento das indemnizacións por danos causados polo xabaril. «Salvo que se demostre neglixencia e dolo por parte do tecor -precisan-. É absurdo pretender que os tecores respondan legalmente duns danos para os que non teñen capacidade económica». O sindicato expón que «o control das poboacións de xabaril se faga apoiándose na caza social galega, respectando os seus dereitos, pero baixo a dirección e o control indelegables da Xunta, que fixará de forma executiva as densidades de poboación en cada comarca cinexética, con criterios científicos e técnicos obxectivos, que permitan previr a transmisión de patoloxías como a peste porcina africana ou a tuberculose do gando», incide o responsable de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijoo.

Na proposición non de lei sobre reformas urxentes da Lei de Caza de Galicia presentada o día 4 no Parlamento, tras solicitar 6.500 firmas no rural en apenas tres semanas, Unións Agrarias demanda que a Xunta «se responsabilice da organización e execución das esperas e outras medidas disuasorias e preventivas dos danos do xabaril en época de veda». Solicita que se regulen os adestramentos de cans ou os campionatos sen morte en período de cría, «que agora, máis que solución, son problema, porque desprazan aos xabarís do monte cara a zonas habitadas e cultivadas». Feijoo lembrou que as desfeitas suman 15 millóns de euros ao ano, con catro accidentes de tráfico diarios, e avogou por variar a dinámica para investir a tendencia.