Memoria do pan

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro CAFÉ SÓ

FERROL

12 oct 2019 . Actualizado ás 00:01 h.

Leo de madrugada, profundamente conmovido, Herbario de sombras, o bellísimo novo libro de José María Xurado («Camiño baixo o peso dos séculos / por capelas e naves de fume e lume...»); e, como el, tamén hoxe me acordo de Cervantes. José María lémbrao, a través dos seus versos, na sevillana igrexa de San Lorenzo. Eu aquí, onde Europa comeza, porque, xunto ao último poemario do escritor andaluz, tamén teño ao meu lado, no silencio da noite, un exemplar da Epístolas familiares de Frei Antonio de Guevara, a quen o propio Cervantes cita no prólogo do Quixote deixando constancia, ademais, de que era bispo de Mondoñedo. A Mondoñedo, por certo, volverei (hai lugares, como máis dunha vez dixemos, aos que non se vai, senón que sempre se volve) a semana próxima, se Deus quere. E non unha, senón dúas veces. O venres, para celebrar o Día Grande dás San Lucas, de tan fermosos cabalos; e o sábado, para asistir á conmemoración dos oito séculos de historia que envolven á catedral mindoniense. Estes días -e descúlpenme a confidencia- deume por pensar que ambas as datas ían ser, para min, especialmente tristes, porque non podería evitar botar en falta a quen agora habitan o que nós chamamos morte. Pero esa sensación desapareceu, case de súpeto, ao darme conta de que todos estarán en realidade alí, acompañándonos, aínda que os nosos ollos non saiban velos detrás da néboa. Meus Padriños, que se chamaban Ramón e Carmen e que cocían o pan na súa casa de Pedre, dicían que neste mundo hai que «facer todo o ben que se poida, sen mirar a quen». Baixo esta luz do outono acórdome moito deles.