Ricardo Hevia: «Viaxei de Cariño a Alaska para ver un pato»

Ana F. Cuba CARIÑO

FERROL

CEDIDA

«Ver paxaros é a miña forma de vida», recoñece este ornitólogo cariñés que viaxa polo mundo con esta meta

22 jul 2019 . Actualizado ás 07:59 h.

Ricardo Hevia Barcón (Cariño, 1976) recoñécese como «o friki da familia». A súa paixón polas aves, «e polos bichos, en xeral», vai máis aló dunha afección. «Para min, ver paxaros é unha forma de vida», sentencia unhas semanas despois de regresar de América do Norte. E si, admíteo: «Viaxei de Cariño a Alaska para ver un pato, porque é o único sitio do mundo onde podes ver ao eider de Fischer [ou de anteojos]». Este pato mariño xa lle gustaba de pequeno. «Non me imaxinaba que iría a Alaska...».

A expedición, na que participaron outros sete ornitólogos, cos que xa compartira aventuras anteriormente, planificouse en función dos hábitos de vida do Somateria fischeri. «Os machos son moi bonitos, polo colorido, e só están quince días de xuño en Barrow [ao norte de Alaska]. Copulan e vanse, e as femias, de cor marrón, quedan incubando. Eliximos xuño e cadramos a viaxe para visitar a zona do Ártico entre o 15 e o 20, para asegurar». E acertaron, como proba a fotografía tomada por Ricardo.

Do 1 ao 20 de xuño, el e os seus amigos, seis españois e un francés, percorreron parte do territorio de Alaska. Voaron a Anchorage, a cidade máis grande do estado, e de alí a Nome, no estreito de Bering, onde pasaron catro días. Regresaron ao momento de partida para alugar dous todo terreos e percorrer o interior, cara ao sur, «con fiordos, baleas, orcas, focas...». E o parque nacional e reserva Denali, onde gozaron observando aos grizzlies, «máis grandes que os osos pardos europeos [...], todos os anos se comen a algún visitante»; e o monte McKinley, de 6.190 metros de altitude, o pico máis elevado de Norteamérica.

Para o final quedaba o destino máis ansiado. Un avión levounos de Anchorage a Barrow, «a cidade máis ao norte de América, a 500 quilómetros ao norte do Círculo Polar Ártico», explica. En territorio esquimó, coa praia xeada, os habitantes aliméntanse das focas e as baleas que cazan. «É do que subsisten, co turismo. Os tres ou catro hoteis que hai en Barrow estaban cheos, a maioría con ornitólogos. De feito, nós tivemos que reservar aloxamento cun ano de antelación», indica este paxareiro ortegano. Entre agosto e abril, moita xente acode para observar a aurora boreal.

Os bufos nivales

Se o eider de Fischer era o principal obxectivo -«é o mellor lugar accesible para as persoas onde podes velo»-, tamén lles agardaban os bufos nivales (ou bufo das neves), «espectaculares, criando na tundra». Nesta época do ano, non anoitece nesta parte do mundo. «O sol quenta pouco, pero mantén a temperatura entre os cero e os catro graos; no sur estivemos a 22», comenta. Leste foi a súa terceira viaxe ao Ártico: «Xa non che sorprende tanto, aínda que ver zonas de montaña sen unha soa pista nin unha devasa, unha paisaxe intocado, impresiona». En 2017, elixiu a Antártida. Antes pisara Nova Zelandia, Finlandia ou Madagascar. O próximo destino, «talvez nas vacacións do ano que vén, será Mongolia, tamén ao final da primavera». De momento, segue saboreando a expedición a Alaska, onde tamén fotografou exemplares de gaivota de Sabine, lagópodo alpino (ou perdiz nival) e mesmo zorzales. A quen comparten a súa devoción polos paxaros advírtelles das dificultades de dar con algún Rock Sandpiper ou Smith's Longspur.

Para Ricardo, que traballa de amarrador no porto de Cariño, a volta coincidiu case co inicio da tempada de observación do paso de aves en Estaca de Bares. «Botamos centos de horas cada verán contando exemplares de distintas especies, ao ser migracións nunca sabes que che vas atopar, é imprevisible, todos os días son diferentes...», sinala. De aí o seu desgusto cando non pode acudir por motivos laborais: «Igual pérdome unha xornada histórica, ou é hoxe ou non é». É a súa forma de vivir, a súa auténtica paixón.