As postas de sol saben mellor desde a terraza do café A Escondida, en Espasante

A. F. C. ORTIGUEIRA

FERROL

CEDIDA

Reabre o soado café concerto do paseo marítimo

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O peche da Escondida deixou moitos orfos en Espasante. Ramón Pena, o propietario do café concerto do paseo marítimo, lugar de conversación, boa música e extraordinarias postas de sol, botou o peche hai dous anos, despois de case un cuarto de século. E este verán, Pablo Maciñeira, responsable da Ortegal Surf Escola, e Aitor Ojea, con experiencia no sector hostaleiro, alugaron o local.

Maciñeira ten claro que quere conservar «o espírito da Escondida», sen renunciar por iso «a darlle outro aire, un toque máis fresco, máis deportivo, vinculado co surf [está ao pé da praia da Concha]». O café xa está aberto e seguirá ata o 15 de setembro. «Estamos a probar e aprendendo cada día, a metade do persoal [dous camareiros] é andaluza e a outra metade galega», conta. O xoves é o día en que os monitores da escola de surf proxectan as sesións dos alumnos en vídeo para corrixir posibles fallos, e agora fano no bar. Mentres eles comentan a semana, «os pais dos rapaces tómanse algo». Como novidade, contan cunha carta de cafés, elaboran cócteles e smoothies de froitas.

Ensaladas para a praia

A Escondida vai contar coa colaboración de Ingrid López, de Deliciosamente Rural, que preparará ensaladas en tarros de cristal reutilizables para que os clientes poidan degustalas no areal. Tamén servirán humus e crudités de verduras, para refrescar o verán en Espasante. Sen deixar de lado os concertos, polas tardes, para ambientar o crepúsculo, e polas noites, «sobre todo de rock». Nesta filosofía encaixa a súa intención de reducir «ao mínimo posible» o uso de plásticos.