Cariño brilla coa procesión marítima e a danza de arcos

A. CUBA CARIÑO / LA VOZ

FERROL

I. F.

O barco Pedriñablanca portou a imaxe da Virxe do Carme

17 jul 2019 . Actualizado ás 17:21 h.

Os cariñeses achegáronse onte ao peirao, orgullosos do seu espírito mariñeiro, para aclamar á Virxe do Carmen. Cariño brillou nunha mañá de sol, nubes e calor intensa, mitigado polo nordeste a pé de peirao. Alí congregáronse os veciños e algún visitante, sorprendido polo que estaba a ocorrer. A Banda de Gaitas de San Xiao do Trebo exerceu de teloneira da Danza de Arcos, o grupo de bailaríns da confraría de pescadores, que organiza as festas do Carmen.

Os danzantes, vestidos de branco, deleitaron ao público coa súa coreografía, trazando filigranas no aire cos arcos de cores. Antes e despois da procesión. A Xove Banda de Narón seguiu á imaxe desde a nave onde se oficiou a misa ata o peirao. Alí concentrouse o público, pendente de cada detalle no traslado da Virxe do Carmen ata o pesqueiro Pedriñablanca. Medio centenar de embarcacións, profesionais e deportivas, desfilaron ata máis aló do cabo, o lugar da Cova, onde se lanzaron coroas de flores en memoria dos náufragos.

Moitos seguiron a travesía desde o cabo Ortegal. Xunto á lonxa, Manuel e Toñito, mariñeiros xubilados, observaban o ronsel das lanchas. «Xa cos barcos de vapor se facía procesión, acórdoa sempre, antes era por aquí, non se ía fóra», comentan. Toñito enrolouse aos 11 anos, acabou en terra e agora regresou ao mar. «Sigo indo ás veces aos luras». O seu amigo prometeu, ao retirarse, que non volvería. «E cumprino». Traballaron na baixura e no petisco. «Xa me tocou ir para Francia... Daquela había unha flota grande e moitas fábricas, non queda nada», estrañan.

A Manuel nunca lle gustou ir a bordo na procesión: «Era a hora dos chiquitos». De fondo resoan as bucinas dos barcos. «Aquí teñen vido trinta e corenta camións de sardiña de Caión, Malpica e Camariñas, para as fábricas. Viña o bocarte de todo o norte para a salgadura e os vigueses traían a palometa. Vías saír ás mulleres das fábricas coma se fora en Bazán e había vinte tarrafas, con vinte e seis homes por barco», narran. «Había un banco e as mulleres sentábanse cos paxes a vender mazás aos mariñeiros que saían ao mar...».

Pronto volverán oírse as bucinas. E a danza de arcos. «Vívese moito, os de aquí ensináronllela en Pontedeume e Camariñas», aclaran Manuel e Toñito.

«Aquí houbo unha flota grande e moitas fábricas, vías saír ás mulleres coma se fora en Bazán»