Reaberta ao marisqueo a ría de Ortigueira e Cariño tras case dous meses de peche por toxina

LA VOZ ORTIGUEIRA

FERROL

ANGEL MANSO

As recolectoras confían en que a situación se estabilice para poder traballar con normalidade

13 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As mariscadoras das agrupacións de Cariño e Espasante xa volveron a faenar. A ría reabriuse o sábado á extracción de marisco, despois de case dous meses de prohibición polos elevados niveis de toxinas lipofílicas. Trátase dun fenómeno natural, derivado da excesiva concentración de fitoplancto (os organismos vexetais do plancto) dunha determinada especie. O bivalvo que o inxere non consegue eliminalo no proceso común de depuración, polo que non se permite o seu consumo.

A prohibición de mariscar aplicouse na ría ortegana desde o 24 de abril, de xeito ininterrompido, ata o sábado. Estes episodios adoitan darse cada primavera, segundo indica a presidenta da organización de recolectoras de Espasante, Rosa Trasancos. As profesionais aproveitaron o parón para realizar labores de limpeza e mantemento dos bancos. E agora confían en que a situación se estabilice para poder traballar con normalidade e recuperar polo menos parte do perdido nos últimos meses.

En Pontedeume tamén se produciron esta primavera dous paróns no marisqueo, tanto a pé como á boia, debido, neste caso, a senllos peches cautelares como consecuencia dos altos niveis de toxina lipofílica detectados no exterior da ría de Ares-Betanzos.