Mato quere trasladar o Aula de Ecoloxía Urbana ao Montón

r.p.p. FERROL

FERROL

CESAR TOIMIL

O parque de Caranza é a prioridade para o PSOE na recuperación de espazos verdes

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O candidato socialista á alcaldía de Ferrol, Anxo Mato, defendeu onte a recolocación da Aula de Ecoloxía Urbana no parque do Montón . Esta gran superficie, actualmente infrautilizada e carente de mantemento, é o espazo no que o cabeza de lista do PSOE ten previsto actuar de forma preferente dentro da súa política de recuperación de zonas verdes públicas se se converte en rexedor. Valora as súas potencialidades e considérao o espazo idóneo para acoller o equipamento que funciona desde hai anos no Cantón, xa que podería contribuír a dinamizar a contorna no que se sitúa.

Mato promete ademais a creación de pulmóns verdes noutros puntos da cidade e actuar en lugares como o parque da vía, a praza do Inferniño, o polígono de tiro de Catabois ou o parque Antón Varela de Canido para pólos en valor. Para fomentar o seu coñecemento e goce, anunciou o deseño dunha ruta por estes xardíns e parques, cos escolares como destinatarios principais e instalando paneis informativos e didácticos. Ademais, o candidato aludiu ao incremento de zonas verdes e patrimonio natural que suporá o convenio con Defensa.