Joselu: «Chegou o noso gran momento, temos que xogar ao mellor nivel»

Jose Valencia FERROL / LA VOZ

OPA RACING

JOSE PARDO

O dianteiro asegura que coa o apoio dos afeccionados, facer un bo resultado o domingo será máis doado

23 may 2019 . Actualizado ás 18:21 h.

Joselu, do mesmo xeito que o resto dos xogadores do Racing, desexa que chegue o domingo canto antes para afrontar ese primeiro partido contra o Real Xaén. Pide apoio á afección e asegura que con eles será máis doado.

-Calquera que caese no sorteo sería difícil, pero tocou o Real Xaén. Como ve a eliminatoria?

-A experiencia dinos que calquera rival que che toque nun play off de ascenso é complicado. A eliminatoria contra o Xaén afrontámola con ilusión. Que maior reto que enfrontarse a un gran equipo, cun magnífico estadio e unha gran afección detrás para poder ascender.

-Os andaluces renderon a un gran nivel na liga regular, na que fixeron máis dun centenar de puntos.

-Agora, nun play off, hai que partir desde cero, empezar de novo. Serán dous partidos moi diferentes aos que tiveron na súa liga, como tamén o serán para nós. Os xogadores necesitamos estar tranquilos, coa seguridade de que estamos facendo as cousas moi ben, de que estamos a traballar e analizando ao rival ao máximo. Sabemos que temos que estar ao noso mellor nivel, xa que chegou o noso gran momento.

-Como ve que haxa que disputar o primeiro partido en casa e que a eliminatoria se decida en Xaén?

-A min gústame máis. Se me deron a elixir, eu tería pedido o primeiro partido en casa. Ao final, dá o mesmo. Os dous encontros vanse xogar nun campo grande, con moita xente na bancada, tanto en Ferrol como en Xaén. O importante é que nos poidamos REVISAR levar un bo resultado da Malata e que as sensacións sexan boas para afrontar o partido de volta con certas garantías. Hai que ter tranquilidade, xa que vai ser unha eliminatoria longa.

-Que Xaén se agarda no campo da Malata?

-Nós imos seguir na mesma liña na que xogamos no último tramo da competición regular. Creo que chegamos ao final de liga no noso mellor momento. Temos que saír a ser os protagonistas no campo e querer levarnos o partido. Sabemos que non será doado, aínda que temos unha gran confianza no noso traballo e nos futbolistas que somos.

-Que importancia dálle a deixar a portería a cero?

-O máis importante é gañar este primeiro encontro na Malata. Arrincar a eliminatoria por diante creo que é fundamental. Se xa consegues gañar o partido e amais deixas a túa portería a cero, moito mellor. Creo que os dous partidos serán moi igualados e complicados. Nós imos necesitar á nosa xente apoiándonos o domingo os noventa minutos de xogo. Será o que nos achegue ese plus para gañar este encontro e levarnos un bo resultado a Xaén.

-A afección nunca falla?

-Os que levamos máis anos neste club xa sabiamos que a xente ía responder, vímolo en anos anteriores. Nós, no vestiario, o que queremos é devolverlles ese cariño e ese apoio que nos van brindar, unha vez máis, cun bo resultado e bo fútbol. Volvo incidir en que no vestiario todos sabemos que este play off será moi complicado, aínda que tamén somos conscientes de que co apoio da nosa gran afección será máis doado.

-No plano persoal, como chega a este «play off» de ascenso á Segunda B?

-Ben, creo como o resto do equipo atópome no mellor momento da tempada. Agora chegou o tramo decisivo da campaña, e todos temos que dar un paso cara adiante e xogar ao noso mellor nivel. Necesitamos sacar adiante este play off e subir á Segunda B. Levamos tempo agardando este momento e agora non o podemos deixar escapar.