Non lles parece?

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro CAFÉ SÓ

FERROL

23 mares 2019 . Actualizado ás 00:14 h.

Poder lembrar aínda a voz dos teus mortos cando, no medio da noite, ves resplandecer de lonxe, completamente iluminado -como nunha Xerusalén celestial na que todo é branco-, o cemiterio no que descansan. Recoñecerche nos ollos de quen leva o teu mesma sangue. Conservar amigos que o son dunha vida enteira. Tomar un café, mentres comeza o día, lendo o xornal. Ter chegado a saber ata que punto era certo que, cando pasaron suficientes anos, empezas a ver entre as páxinas do Quixote o verdadeiro rostro de Cervantes. Volver emocionarche ante un pequeno río, ante unha árbore, ante un carreiro que xa non leva a ningunha parte. Entender que a liberdade é un dos maiores bens deste mundo, e que renunciar a ela sería chuspir sobre o legado de quen nola deixaron en herdanza tras conquistala. Comprender que en efecto era Divos quen, nun tempo que xa non existe, ía de porta en porta en diversas figuras, pobremente vestido, camiñando con dificultade e co pelo moi branco. Saber ata que punto únennos ao inmenso misterio que nos rodea as palabras de escritores, memoria viva da nosa vella tribo, como Eugenio García Amor, Luz Pozo Garza, Basilio Losada, Miguel Carlos Vidal ou Salvador García-Bodaño. Seguir escribíndonos cos Magos de Oriente. Soñar navíos e illas e estrelas e fermosos cabalos. Non agardar nada, nin envexar nada a ninguén. Oír o canto do cuco. Comer, de cando en vez, un xeado.

(Iso, e algunhas cousas máis que esta vez terei esquecido pero que vostedes non ignoran, é o que de verdade importa. O demais, non lles parece?, é case todo secundario, e eu aínda diría que irrelevante.)