A Deputación destina 900.000 euros á limpeza de praias de 41 concellos coruñeses

LA VOZ A Coruña, FERROL

FERROL

CESAR TOIMIL

Este programa e o de contratación de socorristas, permitirá crear 300 empregos na provincia

16 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Deputación Provincial da Coruña adxudicou xa o programa de limpeza de praias para este ano, no que distribuirá 900.000 euros entre 41 municipios costeiros coruñeses. Desde a entidade destácase que o obxectivo do programa é apoiar aos municipios coruñeses para sufragar os gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia, así como para a adquisición do material necesario para levar a cabo este labor, o vestiario do persoal e do combustible.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, considera que «o programa contribuirá, un ano máis, á mellora da imaxe de máis de 360 praias coruñesas para á tempada estival, e axudará tamén á creación de emprego durante os meses de verán, xa que a cargo deste programa e do de contratación de socorristas en piscinas municipais deron emprego o pasado ano a preto de 300 persoas, unha cifra que espero que sexa similar este ano».

«A Deputación apoia un ano máis aos concellos da provincia para que os nosos areais estean en condicións óptimas para este verán», comentou o presidente da Deputación. González Formoso lembrou que A Coruña é a provincia española con máis quilómetros de costa e que as praias dos concellos do litoral «son un dos principais atractivos turísticos», de aí a importancia de que estean os areais acondicionados para a campaña de máxima afluencia de bañistas.

Máximo de tres meses

As subvencións para a creación das brigadas de limpeza teñen unha duración máxima de tres meses e deben estar centrados na época estival.

Do montante total do que se destina a limpeza de praias, a comarca coruñesa absorbe 159.607 euros, que supón máis do 17,5 % do total e que se repartirá entre os concellos de Arteixo, Bergondo, A Coruña, Miño, Oleiros, Paderne e Sada. En canto ás comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, correspóndenlles 266.445,43 euros, un 29,3 % do investimento global previsto pola Administración provincial.