Os polígonos de Ortigueira e Cedeira non remontan nin con rebaixas do 50 %

LA VOZ CEDEIRA

FERROL

ANGEL MANSO

Xestur lanza unha nova oferta, con bonificacións en todas as parcelas dispoñibles nos dous parques empresariais

22 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No último concurso de Xestur, a empresa que xestiona os polígonos industriais de Cuíña (Ortigueira) e A Trabe (Cedeira), só se adxudicou unha parcela no parque ortegano. A actividade non remonta a pesar dos incentivos. A firma lanza agora unha nova oferta, con bonificacións do 50 % sobre o prezo de partida para todo o chan dispoñible nos dous parques.

No caso da Rega, en Cuíña, Xestur conta con 44 leiras, todas de uso industrial-comercial, salvo unha, reservada para equipamentos comerciais. A máis pequena acada os 546 metros cadrados e costa 14.742 euros (coa rebaixa xa aplicada); e a de maior superficie, 2.001, cun prezo de 60.030 euros. A tarifa por metro cadrado oscila entre os 27 e os 30 euros. Na área da Trabe quedan libres 36 parcelas, de uso industrial ou comercial-terciario, con dimensións desde os 811,90 metros cadrados ata os 1.320. En canto ao prezo, a máis barata queda en 30.412 euros e a máis cara chega a 45.100, entre 34,17 e 37,50 euros por metro cadrado.

Os empresarios interesados en optar á adquisición dalgunha destas parcelas dispoñen dun mes de prazo para rexistrar as súas ofertas, de acordo co establecido nas bases da convocatoria, que se poden consultar a través da páxina web de Xestur. A finais de marzo procederase á apertura das propostas e en abril terá lugar a adxudicación das parcelas.

Tanto os responsables municipais como os empresarios da zona atribúen a escasísima ou nula demanda de chan industrial en Ortigueira ou Cedeira ás malas comunicacións por estrada. Esta circunstancia, común a ambos os polígonos, disuade aos empresarios de asentarse na zona. O atraso na execución da Vía de Altas Prestacións (VAP) desde San Sadurniño á Mariña lucense lastra o desenvolvemento da comarca de Ortegal.

Pontedeume e As Somozas

En paralelo a esta oferta de Xestur, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) conta con varias parcelas de grandes dimensións no polígono industrial das Somozas e unha de escasa superficie (para equipamentos) no parque de Vidreiro, no municipio de Pontedeume. Para a compravenda destas leiras rexen as condicións e os prezos fixados no concurso convocado en 2015. A bonificación sobre o prezo de venda é do 50 % tanto no parque das Somozas como no eumés, segundo a información facilitada por Xestur, que xestiona a venda.