«A miña avoa, a florista do castelo, merece unha serie, faríaa encantada»

Bea Abelairas
BEA ABELAIRAS FERROL / LA VOZ

FERROL

Desiré

A actriz Desiré Pillado protagoniza a serie «Lobos e cordeiros», que se acaba de estrear, e dobra programas de HBO ou debuxos animados

04 feb 2019 . Actualizado ás 07:42 h.

Desiré Pillado (Ferrol, 33 anos) é actriz por partida tripla: interpreta para a dobraxe, no teatro e nas series de televisión. Súa é a voz de moitos documentais que se están programando, de debuxos animados de Clan TV ou series de HBO como Relic Hunter, onde traduce á protagonista. Xunto a outra ferrolá, Bea García, conta cun número musical que se pode ver nos teatros; e acaba de estrear na TVG sériea Lobos e cordeiros, onde dá vida a unha das protagonistas, Aurora. Desiré é a neta da florista do castelo, unha muller forte que define como unha leoa e cuxa historia lle encantaría interpretar.

-Como foron os inicios?

-Eu empecei a facer teatro en Ferrol coa asociación Garola de Cedeira, tiña 14 anos. Pasou o tempo e púxenme a traballar, con 24 anos atopei no xornal un anuncio de dobraxe e chamei, porque tiña moitas ganas de volver intentalo. Sempre quixen ser actriz e é certo que a miña familia, os meus amigos e a miña parella de entón alentáronme a intentalo. Así que me apuntei ao curso de dobraxe de Pendeo Films, e dáballeme moi ben; aos poucos fun traballando na dobraxe, que é un oficio difícil, require moita preparación. Hoxe en día podo dicir que o dobrar é o traballo que me mantén, o que me dá para comer. É que ser actriz é unha carreira de fondo na que hai que formarse continuamente, así van saíndo cousas. Tras catro anos na escola de Narón, con Flor Maceiras, seguín estudando e nun dos cursos de teatro topeime coa persoa que me chamou para a serie Serramoura, que foi o meu primeiro traballo para a tele. Despois chegaron O sabor das margaridas e a miña primeira serie como protagonista en Galicia: Lobos e cordeiros.

-Agora mesmo facer series parece tan importante como estar na repartición de películas para os actores...

-É un formato que alimenta unha ampla variedade de plataformas, algo que permite que exista moita máis produción e iso pódese ver en Galicia, onde hai moitas producións audiovisuais. É unha sorte para os actores, porque isto non sucede noutras comunidades. Aínda que facer cine mola moito, pero as series achegan algo clave aos actores, porque lles dan moitas táboas. No cine tes máis tempo, pero nas series ás veces tes que preparar o guion dun día para outro.

-Que proxectos gustaríanlle?

-Seguir traballando, non parar e teño moitas ganas de facer cine. Acabamos de rematar a primeira tempada de e Lobos e cordeiros sigo formándome aquí, en Santiago, onde vivo, con Fernando Tato. Teño que agradecer o gran traballo que fan tanto o meu representante, Amalia Mato, como a súa axencia, Comarea Cast, xa que buscan oportunidades continuamente.

-Forma parte da familia da florista do castelo, unha saga que daría para unha serie de época como a que protagoniza...

-¡Por suposto que si! Sempre pensei que podería ser unha serie, porque é unha historia incrible dunha muller forte que se tivo que buscar a vida, como tantas outras, cos seus maridos no cárcere, levando todo o peso da casa e dos fillos. María Liste era unha leoa e a súa historia é moi especial. O meu avó, Manuel Pillado, escribiu as súas memorias e titulounas Desde o mar que perdiches. e o meu tío Rafael Pillado comentaba que se podían converter nunha película. Hai que propolo, seguir intentándoo. A miña avoa, a florista do castelo, merece unha serie, poreime unhas lentes de contacto azuis e farei o seu papel encantada da vida. Recordo que cando o meu avó presentou as memorias veu Santiago Carrillo e mencionouna a ela. Había que enfocar a historia desde ela, porque era o gran soporte para a actividade política del.