Santa Ana segue incomunicada, doce meses despois de levantarse a mediana

Chema Corral LA VOZ

FERROL

CESAR TOIMIL

Fomento incumpriu o seu compromiso de licitar antes de finalizar o pasado ano a rotonda na N-651

23 ene 2019 . Actualizado ás 08:40 h.

A rotonda prometida non acaba de chegar. Os veciños de Santa Ana que, tras a construción en xaneiro de 2018 da mediana e a nova sinalización da N-651 víronse parcialmente incomunicados, tendo que percorrer ata cinco quilómetros para chegar ao centro urbano, situado a menos de 900 metros, seguen agardando. Pasan as páxinas do calendario e van tachando os prazos incumpridos.

Os residentes xa non se fían. Abandonaron meses de protestas ao arrincar o 30 de agosto á Demarcación de Estradas en Galicia o proxecto de construción dunha rotonda no punto quilométrico 29,1 para evitar que os vehículos realicen un cambio de sentido na actualidade prohibido e que teñan que facer percorridos adicionais para levar a cabo un cambio de sentido. Unha obra valorada en 193.470 euros que habería de licitarse antes do remate do ano. Non se produciu. E tampouco chegou a glorieta provisional anunciada para axilizar a solución ao problema.

Relata Anxo Dobarro, propietario do taller da zona, directamente prexudicado polas dificultades de comunicación, que a pasada semana os afectados volveron reunirse para analizar a situación. E no encontro apuntouse que técnicos de Fomento expuñan agora a necesidade de ampliar a rotonda planificada, o que esixiría cesións ou expropiacións. Aínda que nada é firme. De feito, o Concello, segundo o rexedor, Gumersindo Galego, non recibiu información adicional sobre o proxecto.

Anota Antón Noceda, veciño do lugar e portavoz municipal do PSOE, que os afectados acordaron solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno para saber de forma oficial como está a tramitación do proxecto, e esta semana agardan noticias.