Discotecas decoradas con selo fenés

Carla Elías Martínez
carla elías FENE / LA VOZ

FERROL

CEDIDA

O artista Ito Mosquera simula o firmamento na cúpula dun novo local que abrirá en Lanzarote

13 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Quen visite Arrecife, en Lanzarote, terá unha parada obrigada na discoteca Ou2. A súa decoración que simula o firmamento ten selo fenés xa que está a ser elaborada polo artista Ito Mosquera. O proxecto xurdiu a finais de verán, lembra. «Chamoume un mozo de Galicia que ten dous locais en Arrecife que segue os meus traballos por Facebook, deseños que xa fixen en Barcelona ou Madrid», lembra o artista.

Así lle enviou desde Galicia os seus bosquexos e ideas para este local que abrirá as súas portas este venres. «Fai como unha cúpula con nebulosas e estrelas, algo moi sinxelo. A discoteca ten uns 150 metros cadrados, dúas barras e está todo fiado. Por fóra tamén vou pintar a fachada, aínda que aquí moitas veces o plan urbanístico non deixa facer cousas chillonas, todo ten que seguir a liña branca. Así que vou pintar un ceo de día con nubes; entras e faise de noite», apunta.

Mosquera segue así centrado nestes novos proxectos que lle levan a viaxar por todo o país para decorar espazos de lecer. Ten especial cariño ao deseño que fixo nun local de Barcelona hai un ano, A Chirigota Burger & Cocktail Bar. Está especialmente orgulloso deste deseño que se pode ver en pleno centro da cidade condal -está na rúa Mallorca, que conflúe co paseo de Gracia -. «Son dous pisos. A planta de arriba é un escenario irreal en tres dimensiones presentando A Chirigota, cunha baixada á outra planta onde fixen todo o skyline de Barcelona con reflexos e elementos como unha flamenca bailando en primeiro plano», detalla. Foi un gran traballo xa que lle deron «vía libre», agradece. «Sabía que era un local no pleno centro de Barcelona e íame a dar moita publicidade, e grazas a ese traballo estou aquí en Lanzarote», recoñece.

Na illa canaria leva tres semanas e quédalle outra ata finalizar o traballo. «Pinto ata as noites para que ninguén me moleste», sinala. En mente xa ten máis proxectos particulares e traballa no que sería o de maior escala da súa carreira, un hotel en Tenerife. «Quero ter os pés no chan ata que saia todo», recalca. Un mural para Marqués de Riscal ou o proxecto desenvolvido coa Asociación de País de Nenos Con Problemas Psico Sociais, Aspaneps, pintando lapis de cores nas escaleiras de San Valentín para humanizar o barrio son algúns dos últimos proxectos desenvolvidos por Mosquera.