As aeroliñas avanzan cara á oferta coordinada entre Lavacolla e Alvedro

S. LORENZO SANTIAGO / LA VOZ

FERROL

SANDRA ALONSO

Santiago centraliza os voos exteriores, pero terá 345 menos con Madrid ata abril

22 oct 2018 . Actualizado ás 11:19 h.

A lóxica do mercado pode máis que os cálculos políticos, e a programación dos aeroportos de Santiago e A Coruña é unha boa proba diso. As recomendacións que os técnicos de Aena deixaron sobre a mesa do errado comité de rutas convertéronse en papel mollado ante os intereses localistas dos alcaldes, incapaces de chegar a un acordo sobre unha oferta coordinada de voos que beneficie ás tres terminais galegas, pero remataron por imporse na programación das aeroliñas. A proba do algodón está nunha centralización cada vez máis evidente das conexións exteriores en Lavacolla, sobre todo tras o fracaso da perda do voo A Coruña-Lisboa, e tamén no reforzo das ligazóns con Madrid desde Alvedro en detrimento de Santiago. Na tempada de inverno que comeza o vindeiro sábado, A Coruña terá unha media de 55 frecuencias semanais con Barajas , e Lavacolla, 40, é dicir, 345 menos que Alvedro ata abril.

É a plasmación da estratexia que aconsellou Aena para reforzar as viaxes de negocios na Coruña, deixando a Santiago os turísticos. De feito, a potenciación dos voos con Barajas desde Alvedro aumentará na nova tempada invernal con respecto á anterior. A terminal coruñesa mantén os mesmos ligazóns (55 á semana de media ata finais de marzo), pero a compostelá perde dúas (de 42 pasa a 40). E isto a pesar do reforzo que aplicará Iberia Express, con dúas ligazóns semanais máis desde Santiago que, ademais, operará con avións de maior capacidade. Esta é practicamente a única novidade positiva para Lavacolla dunha tempada de inverno na que perde servizos con Londres (Vueling) e Milán (EasyJet), e deberá conformarse coas conexións do Nadal dos chárter para maquillar a súa oferta internacional.

O aeroporto de Santiago si conservará ata finais de marzo máis conexións coa outra urbe de referencia no ámbito dos negocios, Barcelona, con 23 frecuencias semanais fronte ás 19 do da Coruña. E seguirá capitalizando as conexións con Bilbao, con 15 servizos. No plano internacional, Xenebra e Frankfurt son as cidades con máis conexións desde Lavacolla, con catro semanais cada unha, seguidas de Londres, Basilea, París e Dublín, con tres.