Álvaro Rey : «Na miña carreira nunca lograra un hat trick»

J.V. FERROL / LA VOZ

OPA RACING

Jacobo Ameneiro

O xogador sevillano asegura que fichou polo Racing para axudar e que é o que intenta

24 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Álvaro Rey (Sevilla, 28 anos) anotou un hat trick para o Racing na partida fronte ao Sanse madrileño. O xogador estaba feliz ao final do partido, levou o balón e os seus compañeiros asináronllo. Asegura que non é un gran goleador (no Racing leva catro tantos) e que é o primeiro hat trick da súa carreira. «Non se pode pedir máis -asegurou o futbolista andaluz ao final do partido-, foi unha alegría inmensa no persoal e tamén polo triunfo do equipo, que realmente era o máis importante. É a primeira vez na miña carreira que meto tres goles nun mesmo partido. A verdade é que eu non son un goleador, dedícome máis ás asistencias, aínda que o certo é que neste encontro me entrou todo o que tirei a portería».

Destaca o xogo do Racing fronte ao Sanse, así como o ter sumado unha vitoria decisiva. «Son os puntos que nos manteñen vivos, que permiten que sigamos na pelexa nos tres encontros que nos restan por disputar ata que acabe a liga. Estou convencido de que se seguimos coa actitude coa que afrontamos este encontro, non teremos ningún problema para salvarnos», indicou.

Nunha semana máxica para os sevillanos, coa súa Feira de Abril. Álvaro Rey festexouno en Ferrol dunha forma particular. «A Feira de Abril... iso é algo secundario. O que vale é estar aquí, coa miña familia, pelexando polo Racing de Ferrol».

Sobre a entrega de todos os xogadores no terreo de xogo indicou que era o que toca, que os xogadores son os primeiros que queren salvar ao Racing. «Era todo ou nada, un partido que tiñamos que gañar polo civil ou polo criminal. Todo o equipo fixo un gran partido, en casa estamos fortes e agora temos que seguir con este refacho».

No persoal destaca que está moi contento no Racing e na cidade. «Eu síntome cómodo aquí, no Racing e en Ferrol, o mesmo que a miña familia. O que me doe é a situación do equipo. Eu vin a este club no mercado invernal para sumar e é o que estou a intentar».

É optimista sobre os tres encontros que restan por disputar. «Estamos nunha guerra pola salvación, con varios equipos implicados. O que consiga máis puntos ao final de liga, será o que leve o gato á auga. Nós estamos aí e dependemos de nós mesmos. Se o domingo gañamos ao Valladolid B, pasarémolo. Se vencemos nos tres encontros, salvámonos», indicou o extremo.