O Val terá unha vivenda para veciños con discapacidade intelectual

CHEMA CORRAL NARÓN / LA VOZ

FERROL

CEDIDA

A asociación Chamorro impulsa este equipamento tutelado para favorecer a autonomía dos seus usuarios

16 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Conseguir que adquiran hábitos alimenticios saudables, aprendan a facer a compra, que sexan capaces de preparar receitas sinxelas ou que saiban manexar o diñeiro... Son só algúns dos retos que se expoñen ás persoas con discapacidade intelectual que participan no proxecto de desenvolvemento da autonomía por medio de pisos tutelados, iniciado fai un lustro polos pais de usuarios da asociación Chamorro. Agora, a entidade está envorcada na construción dunha vivenda tutelada no Val que contribuirá a inserir socialmente a máis usuarios.

Trátase dunha iniciativa ambiciosa, posible grazas á subvención de Agader, que acada, segundo apuntan desde Seitura 22, preto de 90.000 euros, e o apoio de Fundación ONCE. A finalidade, «dar continuidade e ampliar» o traballo desenvolvido para que aqueles usuarios que só precisan apoios e supervisión puntuais poidan cumprir o seu soño de vivir de forma independente.

Explica Rocío Coira, directora- xerente da asociación, que en 2013, púxose en marcha un primeiro piso tutelado, grazas á cesión dun particular e coa axuda da Caixa e, desde comezos deste ano, contan con outro alugado. Vivendas polas que van pasando de forma rotatoria un total de 30 adultos con idades comprendidas entre os 20 e os 45 anos, con necesidades de apoios intermitentes por parte dun mediador e sen problemas graves de conduta.

A construción da vivenda unifamiliar, con salón comedor, cociña, cinco cuartos e baños, un deles adaptado, permitirá avanzar no proxecto. De feito, segundo explica Rocío Coira, supón un paso adiante na comarca para que persoas con discapacidade intelectual teñan un recurso de vivenda. Aínda que permitirá moito máis.

Explican desde a asociación que durante a recente visita do conselleiro de Política Social trasladouse xa a solicitude de acreditación das instalacións, ofertando seis prazas e reservando as restantes para prestar un servizo de respiro familiar e para atender situacións de urxencia. Petición que, como apunta, foi ben recibida. De materializarse, serían as primeiras prazas subvencionadas en vivenda tutelada de Ferrolterra.

O proxecto da Asociación Chamorro, fundada en 1964 como resposta á carencia de centros de atención específica para o colectivo na comarca, está xa en marcha. E de feito, confíase en que poida estar listo antes do verán.