Gas Natural rescinde o contrato de luz para a depuración pola falta de pagamento dun millón de euros

R.P.P. FERROL

FERROL

ANGEL MANSO

11 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Gas Natural Comercializadora anunciou a rescisión de forma «automática e unilateral» do contrato con Emafesa para a subministración eléctrica da rede do saneamento. Así o comunicou o martes, vía burofax, á empresa mixta, que acumula unha débeda de case un millón de euros. A compaña enerxética alega unha situación de «falta de pagamento prolongada no tempo». Emafesa non paga a luz pola depuración de augas residuais desde setembro do 2016: 29 facturas pendentes que suman 920.835 euros.

Gas Natural reclama o pagamento urxente nun prazo máximo de sete días, ata o martes. De non facelo, emprenderá medidas legais. Expón que tras varios requirimentos de pagamento á empresa na que o Concello ostenta a maioría alegou «falta de liquidez temporal» pola suspensión da taxa de depuración. Con todo, «a débeda acada un nivel importante e a falta de liquidez de Emafesa é permanente», replica a eléctrica. Ademais, considera a alegación de Emafesa de que a depuración é un servizo esencial «unha mera escusa» para obter a subministración gratuíta «sine die». Gas Natural estima que «non é de recibo que Emafesa faga abuso da situación de falta de pagamento recoñecida». E apunta: «Sempre poden contratar a outra empresa». «Gas Natural Comercializadora non pode aceptar seguir incorrendo en máis perdas, sobre todo cando Emafesa é coñecedora da súa imposibilidade total de pagamento da débeda», engade.

O alcalde esgrimiu onte que «en canto o pleno aprobe unha taxa, a financiación bancaria sería inmediata e iso solventaría».