Un manto verde comeza a facerse oco nos tellados do Torrente e outros espazos

B. a. FERROL

FERROL

ANGEL MANSO

Os arquitectos alertan de que poden orixinar danos importantes aos inmobles

14 oct 2017 . Actualizado ás 11:21 h.

Os tellados dalgúns espazos públicos locen un incipiente manto verde que pode xerar non poucos problemas á estrutura do edificio. É o caso do Torrente Ballester ou na nave provisional do mercado da Magdalena. O presidente do COAG e arquitecto Ramón Montero Cereijo asegura que os danos dependen do tamaño da vexetación, pero que poden provocar que a auga se coe reiteradamente aos edificios ata danar a estrutura.

Apunta que o problema da vexetación radica no enraizamiento: «As raíces cóanse entre tézalas, aumentan de tamaño segundo crece a planta e poden ocasionar rotura de tezas ou perforacións das laminas impermeables nas cubertas planas». Cando se trata de plantas invasoras, como a herba da Pampa que crece no canlón da nave provisional do mercado da Magdalena, pódense orixinar humidades. Outra repercusión dos mantos verdes nas cubertas é a «acumulación de follas, ramas ou plantas nos canlóns, (tamén niños de paxaros, gaivotas, e restos xerados polos mesmos) que acaban taponando as baixantes e facendo que soborden. Isto é moi preocupante en canlóns interiores, xa que ao non ter cara a onde desbordar verten a auga ao interior do edificio».

Por esta razón, Montero Cereijo incide na importancia de realizar un «mantemento preventivo dos edificios, tanto públicos como privados, xa que sempre é máis económico actuar antes de que se produzan as lesións». No caso de canlóns recomendan a súa limpeza dúas veces ao ano, no outono (por mor da caída da folla) e na primavera.