O Nadal sostible deixa atrás o usar e tirar

FAI GALICIA VERDE

PACO RODRÍGUEZ

O principio do fin das bolsas de plástico, o consumo responsable e a reciclaxe, as claves para reducir a pegada ecolóxica das festas do Nadal

20 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Banquetes, agasallos, desprazamentos, envoltorios, paquetes, botellas. Vórtice consumista. Chega co Nadal. A pegada ambiental que deixan as dúas próximas semanas festivas é profunda, pero pequenos xestos individuais poden reducir o seu impacto sobre o planeta.

Entidades como Ecoembes lanzan desde hai xa anos unha mensaxe na mesma dirección: gozar dun Nadal sostible. E si, é posible. Ademais, as pascuas deste ano marcan o principio do fin das bolsas de plástico. O decreto do Goberno, que entrou en vigor o pasado 1 de xullo -con case un ano de atraso-, e que segue as directrices europeas, establece que calquera negocio de venda ao público deberá cobrar aos seus clientes entre 5 e 15 céntimos por cada bolsa de plástico dun só uso. O texto inclúe outras medidas que non son de aplicación inmediata e que se encamiñan cara á desaparición do plástico. Porque a partir do 2020 as bolsas grosas deben conter polo menos un 50 % de plástico reciclado e prohíbense as fragmentables, tamén coñecidas como oxodegradables, que na súa descomposición xeran microplásticos daniños para o medio ambiente.

Cales son as alternativas? En moitos casos, simplemente botar a vista atrás. Volver á tenda -ou ao súper- coa bolsa de tea, como facían xeracións anteriores.

Algúns consellos para gozar dun Nadal sostible

Na mesa

Unha aposta por produtos a granel e de proximidade. Os envasados xeran refugallos, ademais dunha pegada ecolóxica derivada de todos os pasos da cadea, desde a súa orixe (ás veces a miles de quilómetros de distancia), ata que son consumidos. Pola contra, se se opta por produtos que se poidan comprar a granel, abonda unha bolsa reutilizable para levalos a casa. E se ademais son artigos de proximidade, isto é, producidos preto da zona do consumidor, repercuten directamente na economía local, evítanse emisións e consómese un produto fresco, sen refrixeracións nin necesidade de longos transportes.

MARCOS CREO

Comprar menos e mellor. Cinguirse a menús planificados axuda a axustar a compra de alimentos para as comidas e ceas copiosas que veñen por diante. Non por ser máis abundante vai ser mellor. De feito, segundo os datos oficiais, nunha semana «normal» tíranse ao lixo en España 24 millóns de quilos de alimentos. Intolerable. Unha boa lista da compra, pensada, permitirá servir pratos de calidade á vez que se prescinde de produtos innecesarios que, ademais, encarecen a conta.

Adornos do Nadal e papel de agasallo

Reutilizar, reciclar. Non é preciso renovar todos os anos os adornos do Nadal. Botarlle imaxinación tampouco está de máis. Bonecos de neve con rolos de papel hixiénico, bólas e figuras para a árbore con botellas de plástico, latas, creacións con cartón... O mesmo ocorre cos belenes. As figuras pódense elaborar case con calquera material. Será, mesmo, divertido.

ANGEL MANSO

Por outra banda, quilómetros e quilómetros de papel de agasallo envolven cada ano as festas. Para acabar no lixo. De ser así, o mínimo é asegurarse de que vai ao colector apropiado (azul). Pero hai outras opcións como usar papel reciclado, de xornais ou revistas. A cinta adhesiva ten un bo substituto nos lazos para pechar o paquete. Seguro que algún aparecerá por casa.

Xoguetes e etiquetas sostibles

Os mercados de segunda man ou de troco supoñen unha boa saída para os xoguetes que quedaron practicamente novos e que permanecen abandonados nun armario. Non son residuos para depositar no colector amarelo. O seu destino, de non darlles unha segunda vida, debe ser o punto limpo.

Se o que se busca é un agasallo sostible, hai que fixarse na etiqueta. O selo Fairtrade distingue un produto procedente do comercio solidario. Para produtos téxtiles as referencias son tres principalmente: a etiqueta ecolóxica da Unión Europea, Made in Green e Oko-Tex Standard 100. Para obxectos de papel ou cartón, FSC e TCF son os distintivos. Se se trata de peixe, MSC e ASC (para pesca salvaxe a primeira e acuicultura a segunda).

Un brinde

Case un terzo das botellas de vidro consúmense nestas datas. Unha vez consumidas, ao colector verde as botellas de viño, cava ou cervexa. ¡Un brinde por un Nadal sostible!