Os mozos toman conciencia: son os galegos que máis reciclan

LA VOZ REDACCIÓN / LA VOZ

FAI GALICIA VERDE

óscar vázquez

Case oito de cada dez menores de 24 anos recoñece separar residuos de forma habitual

25 dic 2018 . Actualizado ás 15:56 h.

Hai pouco máis de vinte anos que a lei de envases levou os colectores verdes e amarelos ás rúas. A eliminación selectiva de desperdicios converteuse nun hábito para o 68,2 % dos galegos, segundo o Informe de Seguimento de #FaiGaliciaVerde elaborado por Sondaxe a partir de mil entrevistas. O esforzo supera en dous puntos ao recolleito hai só un ano, cando a taxa de persoas que recoñecen reciclar acadou o 66,3 %. Un costume que se fixo regular, sobre todo, entre os máis novos. 

Os autores do informe observaran, durante o 2017, que a poboación con menor idade contaba cunha baixa taxa de concienciación ambiental. Os resultados obtidos na enquisa, con todo, colocan aos menores de 24 anos como os máis envorcados coa separación de residuos. Ata un 77,9 %, oito puntos máis que hai un ano, admiten reciclar a diario. Máis reducido é a porcentaxe entre mozas de 25 a 34 anos, os que menos separan despois das persoas en idade de xubilación. Por regra xeral, os cidadáns da comunidade adoitan ter tres cubos de lixo en casa, mentres que só un 15 % asegura contar con só un. 

Por provincias, Pontevedra e Ourense son as máis concienciadas. Só un 61,7 % dos lucenses recoñecen reciclar, asinando a porcentaxe máis baixa da comunidade, pero mellorando o seu comportamento en oito puntos, a mellor evolución recollida en Galicia. Na Coruña, un 68,5 % das persoas reciclan, practicamente o mesmo porcentaxe que hai un ano.

A dispersión de colectores nas zonas rurais contribúe a que a taxa de persoas que reciclan nestas áreas sexa inferior. Un 61,1 % dos habitantes de concellos con menos de 5.000 habitantes reciclan, dez puntos menos que nas cidades con censos superiores ás 50.000 persoas.

Sete de cada dez entrevistados afirmaron que adoitan ser eles mesmos quen se encargan de reciclar en casa. Só o 16 % -a pregunta permitía respostas múltiples- sinalou que os fillos reparten o lixo en diferentes colectores.

En canto ao grao de información, os galegos admiten non ter un alto grao de información sobre a separación de envases. Nunha escala do 1 ao 10, os homes non chegan ao 6 e as mulleres supéranlles en cinco décimas.

O principal motivo polo que os galegos non separan os residuos en casa é por levalos, directamente, a un punto limpo. Un 11,6 % aduciron este motivo. Practicamente o mesmo porcentaxe dixo non facelo porque lles resulta confuso distinguir que vai ao colector amarelo. Un de cada dez lamentan que só haxa un colector ou que todos os que teñen preto dos seus fogares son verdes.

A preocupación polo medioambiente baixou respecto ao ano pasado, aínda que segue manténdose por amais do oito nunha escala do un ao dez. O 92,3 % dos enquisados consideran que debe facerse algo para protexer o medioambiente.

En canto aos motivos para non facelo, un 24,7 % non o fai por comodidade, deixamento ou vagancia. A segunda xustificación é o descoñecemento e a falta de información, seguida pola carencia de medios e colectores. Oito de cada dez apuntan que o seu maior esforzo polo medioambiente consiste en reciclar.

O principal tema ambiental que máis preocupa aos galegos é a contaminación en ríos, lagos, arroios e augas subterráneas. Tamén mostran inquietude polo uso de pesticidas e produtos químicos na agricultura, a contaminación do aire por medios de transporte e o quecemento global.