Galicia aumenta un 2 % a taxa de reciclaxe de envases domésticos

M. A.

FAI GALICIA VERDE

PACO RODRÍGUEZ

Cada galego depositou no colector amarelo 10,5 Quilos e 12,9 no de recollida de papel

22 may 2018 . Actualizado ás 14:34 h.

Galicia avanza na reciclaxe de residuos. No 2017, a achega de envases e papel aos seus respectivos colectores creceu un 2 % respecto ao ano anterior, segundo os datos presentados por Ecoembes  esta mesma semana. Así, o informe determina que en Galicia se reciclaron 58.037 toneladas de envases domésticos, un dato que «ratifica a tendencia ascendente da reciclaxe dos residuos que se depositan nos colectores amarelo (envases de plástico, latas e briks) e azul (envases de papel e cartón)», subliña a organización ambiental, defensora da economía circular.

A colaboración de cidadáns, concellos e empresas traduciuse nunha media de 10,5 quilos de envases por persoa depositados no seu colector e 12,9 quilos de papel. Para facilitar a reciclaxe e achegalo aos usuarios, o número de colectores amarelos e azuis ascendeu aos 46.311 (1.622 máis que o 2016), o que permite que «practicamente o 100% da poboación teña acceso á recollida selectiva». Ecoembes destaca así mesmo a posta en marcha do proxecto HORECA -co obxectivo de fomentar a recollida selectiva selectiva no sector da hostalería- en máis de 23 municipios e entidades.

En materia de sensibilización, a entidade ambiental e a  Xunta destinaron 3,5 millóns de euros a través de diferentes proxectos e celebraron o primeiro Congreso de Economía Circular en novembro do pasado ano.

Balance positivo

No conxunto estatal, durante o ano pasado recicláronse practicamente 1.400.000 toneladas de envases domésticos, un 3,5 % máis respecto ao 2016. Galicia, como se mencionou, crece por baixo da media (un 2 %), pero camiña na boa dirección para acadar os obxectivos fixados polas directrices europeas. De feito, o dato global de España xa supera a taxa establecida para o 2030, que debe ser para os Estados Membros dun 70 % de reciclaxe dos envases. A día de hoxe, o conxunto das comunidades autónomas xa acadan unha taxa do 77,1 % en canto a este tipo de residuos, que supoñen unha cuarta parte do total dos produtos que se reciclan no país.

Fernando Blázquez, xerente de Xestión Autonómica e Local de Ecoembes, sinalou na presentación do informe a necesidade de sentar as bases para que todos os residuos que actualmente non se están xestionando adecuadamente comecen a reciclarse: «En España só se recicla un 29,7% do total de residuos urbanos xerados, unha cifra da que tira Ecoembes, xa que, a pesar de representar só un 8% destes residuos, achega case un cuarto do total con 1.399.582 toneladas recicladas». Pero a Unión Europea quere que no 2030 recíclense o 60 % de todos os refugallos producidos, isto é, España debe dobrar o seu traballo nos próximos doce anos. Blázquez incidiu sobre a traxectoria de Ecoembes como impulsor da economía circular e afirmou que «tendo en conta que cando iniciamos a nosa actividade en 1998 apenas se reciclaba o 4,8% dos envases domésticos, a evolución non podería ser máis positiva».

Beneficios ambientais

Segundo Ecoembes, a reciclaxe de envases realizado en España durante o 2017 permitiu aforrar 1,3 millóns de toneladas de materias primas e 20,15 millóns de metros cúbicos de auga. Ou o que é o mesmo, o equivalente ao consumo de auga de Santiago de Compostela durante máis de catro anos e de 5,8 millóns de megawatts/hora de enerxía eléctrica. Tamén se evitou a emisión de 1,2 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera, que suporía as emisións dun terzo da poboación do país no traxecto por estrada entre Madrid e Barcelona.