A economía circular fronte a o «usar e tirar»

FAI GALICIA VERDE

José Manuel Casal

O 17 de maio celébrase o Día Internacional da Reciclaxe, unha data sinalada no calendario da Unesco desde o 2005

17 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O 17 de maio celébrase o Día Internacional da Reciclaxe, unha iniciativa que proxecta á cidadanía mundial a importancia de acadar o obxectivo perentorio dun planeta sostible. A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) estableceu esa data no 2005 a fin de concienciar a consumidores e produtores da responsabilidade que a cada un corresponde na cadea sen fin da reciclaxe. Se falla unha peza, o ciclo rompe. Por iso accións como a do 17 de maio pretenden sensibilizar e responsabilizar á poboación sobre os seus propios residuos e impulsar a selección e reutilización dos recursos. Tamén Ecoembes, a organización ambiental sen ánimo de lucro que promove a sustentabilidade e o coidado do medioambiente a través da reciclaxe de envases, elixiu ese día para presentar o informe de resultados do pasado exercicio, no que detalla, con cifras, os beneficios da reciclaxe, o seu calado na sociedade, os medios empregados e as cantidades totais postas de novo en circulación como bens de consumo tras completar o ciclo.

Un símbolo recoñecible

Desde o deseño dun produto ata que un consumidor o refuga para a súa reciclaxe, hai detrás todo un proceso que se distingue con tres frechas dispostas segundo o círculo de Möbius, unha superficie cunha soa cara e un só bordo. O distintivo foi creado en 1970 nun concurso de deseño organizado pola Container Corporation of America no marco da celebración do primeiro Día da Terra. Saíu do trazo dun estudante de último curso da universidade de California do Sur, en Los Ángeles.

Gary Anderson gañou o certame e desde entón as tres frechas encadeadas recoñecen os produtos que completan o proceso da reciclaxe, a saber, recollida de materiais, a súa transformación e compra dos artigos. A marca garante que o produto forma parte dun sistema que continúa unha e outra vez. Para alivio do planeta.

Non é lixo, é riqueza

A produción de bens e servizos implica un custo ambiental. É obvio, tanto como que os recursos naturais son limitados. A economía circular propón un modelo distinto ao imperante ata agora, o coñecido como lineal, e pon o foco no desenvolvemento sostible, no que a correcta xestión dos residuos xera por si mesma riqueza. Como? O que antes se trataba como desperdicios, constitúen neste modelo a materia prima de fabricación, evitando botar man de recursos naturais e consumo de auga e enerxía. No canto de tirar, reutilizar. Perpetuando o ciclo de vida dos produtos. Ademais, propicia a creación de postos de traballo. Trátase, grazas ao ecodiseño, de aproveitar desde a primeira ata a última peza de calquera artigo unha vez rematada a súa vida útil.

Obxectivos circulares

Cada europeo consome catorce toneladas de materias primas e xera outras cinco de lixo ao ano. A tenor destes datos, a Unión Europea (UE) abriu xa o camiño para implantar unha economía intelixente e sostible, que ofreza unhas garantías de futuro para os Estados membros. O plan de Acción de Economía Circular para os próximos anos establece uns obxectivos factibles, como chegar ao 65 % da reciclaxe no 2035. Pretende así mesmo acadar no 2030 un 70 % de reciclaxe das embalaxes e reducir o desperdicio alimentario ao 30 % no 2025 e ao 50 % no 2050. En canto aos residuos municipais que rematen nos vertedoiros, como máximo ha de ser o 10 % no 2035 e fixa xa para o 2025 a responsabilidade obrigatoria dos produtores de baterías, vehículos e acumuladores.

Nas últimas dúas décadas tomouse conciencia de que a economía lineal -producir, usar e tirar- non é unha resposta para a sociedade actual. Entidades como Ecoembes envorcáronse na transformación social necesaria para investir a marcha e cambiar o modelo, con especial fincapé na educación ambiental, a innovación e a colaboración cidadá. Ese motor non para, e ano a ano lógrase rabuñar un dato positivo para o medio ambiente, tal e como indica o último informe de Ecoembes a nivel nacional: 1.351.903 toneladas de envases reciclados no 2016, un 4 % máis que o ano anterior, o que supón un aforro de case medio millón de toneladas en materias primas.

20 anos do iglú verde

A recollida selectiva de vidro -que este ano cumpre dúas décadas da posta marcha do sistema de reciclaxe- tamén rexistrou un incremento de case o 5 % no 2017, segundo o último balance de Ecovidrio , a entidade sen ánimo de lucro encargada da reciclaxe de envases de vidro en España. Así, acadouse unha media de case 17 quilos de vidro reciclado por habitante, o que supón 64 envases por persoa. Ou o que é o mesmo: 789.235 toneladas de residuos de envases de vidro aos que se lle deu nova vida e que eleva a taxa de reciclaxe ao 73 %. Grazas a esa colaboración cidadá e industrial, a reutilización destes envases permitiu evitar a emisión de 550.077 toneladas de CO2, equivalentes a retirar 134.700 coches da circulación durante un ano.

Nos últimos 20 anos conseguiuse duplicar a taxa de reciclaxe de envases de vidro, seguindo a senda marcada pola Directiva Europea de Envases e Residuos de Envases e o mandato de reciclar o 50 % dos residuos urbanos no 2020. Un labor na que, como nos obxectivos fixados a medio prazo pola UE, está implicada toda a sociedade.