Días contados para as bolsas de plástico gratis

FAI GALICIA VERDE

A normativa europea de sensibilización obriga a cobrar pola entrega aos consumidores e a partir do 2020 deberán ser de material compostable co obxectivo de protexer o medio ambiente

23 abr 2018 . Actualizado ás 19:13 h.

Algunha vez hase preguntado cantas bolsas de plástico utiliza ao ano? A media reduciuse considerablemente na última década: de 300 por persoa no 2007 a unhas cen na actualidade. Pero non é suficiente. A Unión Europea (UE) quere limitar o impacto dos plásticos na natureza ata os mínimos posibles.

Unha das medidas de sensibilización impulsadas pola Eurocámara para pórlle freo ao consumo indiscriminado de bolsas de plástico é o cobro obrigatorio no comercio. A normativa europea xa debería estar en vigor en todos os países membros, polo menos desde o inicio do 2018, aínda que non foi así. O armazón burocrático levou a unha moratoria en España onde, ante a inminente entrada en vigor da obrigatoriedade do cobro polas bolsas, moitos pequenos establecementos xa o fan desde principio de ano, como ocorre desde hai tempo en grandes superficies.

No entanto, o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) elaborou xa o proxecto do real decreto sobre a redución do consumo de bolsas de plástico e a previsión é que poida saír adiante a mediados do presente exercicio. Entre os trámites pendentes está o visto e prace do Consello de Estado e, a continuación, a aprobación por parte do Consello de Ministros. A normativa será efectiva o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE). No caso de Galicia , a Xunta anunciou que agardará á normativa do Goberno Central para adoptar as medidas pertinentes.

O cobro polas bolsas plásticas sempre e en calquera comercio pretende  concienciar á poboación sobre o custo real dos produtos de consumo diario, e axudar así a promover a sensibilización sobre o uso dos recursos e o consumo responsable. Porque detrás de cada produto, aínda que sexa unha simple bolsa de plástico, hai un uso de materias primas, achega enerxética, un sistema de fabricación, de distribución e transporte, ata chegar ao consumidor. Ademais, reducir o número de bolsas diminúe tamén o impacto ambiental.

O fin da bolsa de plástico

Pero o imperativo europeo fixa obxectivos máis ambiciosos a curto e medio prazo para protexer o medio ambiente; a partir do 2020, todas as bolsas que se entreguen aos consumidores deberán ser compostables. E tamén se pagará por elas. Neses mesmos termos pronunciouse a ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, que afirmou que a intención do Goberno co real decreto é «ir máis aló» e chegar «ata a total supresión das bolsas lixeiras que non sexan compostables». Xa que logo, e de cara á cadea de reciclaxe, as bolsas plásticas que vaian directamente ao lixo han de depositarse no colector amarelo, mentres que as compostables, no de orgánicos.

A lexislación europea aspira a reducir o nivel de consumo anual a un máximo de 90 bolsas por persoa a 31 de decembro do 2019 e a non máis de 40 a 31 de decembro do 2025. A redución drástica na utilización de bolsas da última década en España achega o país aos obxectivos da directiva comunitaria, mentres que o europeo medio consome 198 bolsas finas ao ano.

Así mesmo, a UE fíxase para o horizonte do 2030 que todos os envases de plástico estean deseñados para que poidan ser reciclados ou reutilizados. Cantos máis usos antes do seu refugallo, mellor.

Canto custarán?

O cobro por bolsas afecta a todo o comercio. Desde as de supermercado ás máis pequenas, como as que se adoitan entregar en farmacias. A falta da aprobación definitiva do proxecto do real decreto, os prezos orientativos serán dun mínimo de entre 5 e 30 céntimos cada unha delas dependendo das súas características. As máis baratas -5 céntimos- serán as de plástico compostable cun espesor de ata 29 micras, seguidas polas de 30 micras ou máis e as de 29 micras ou máis, pero non compostables -10 céntimos-, as de 30 micras ou máis non compostables -15 céntimos- e as oxodegradables de 50 micras ou máis -30 céntimos-.