Para xogar con Star Wars

César Rodríguez Pérez
César Rodríguez REDACCIÓN

EXTRAVOZ REDE

Internet

Hai moita vida en «Star Wars» máis aló das películas. Desde os anos 80 Lucasfilm preocupouse por crear e inspirar grandes videoxogos. O último, «Battlefront 2», é un título con gráficos espectaculares e unha historia atractiva que tamén foi polémico por incorporar micropagos por progresos e melloras.

02 jul 2018 . Actualizado ás 20:21 h.

Todo empezou hai moito tempo, en 1977, pero non nunha galaxia moi, moi afastada, senón na asollada California. George Lucas era un cineasta novo que acababa de lograr un éxito descomunal coa guerra das galaxias. Despois daquela película chegaron outras dúas, O imperio contraataca (1980) e O retorno do jedi (1983) e todo un universo de ficción no que destacan varias series de cómics, debuxos animados, xoguetes, novelas e, especialmente, videoxogos.

Lucas formou a súa propia compaña de xogos, LucasArts. E daquel estudo mítico saíron obras mestras como Maniac Mansion, Grim Fandango, The Secret of Monkey Island ou Indiana Jones and the Fate of Atlantis. E unha chea de títulos ambientados no singular universo fantástico-espacial que enganchou a millóns de persoas de varias xeracións ao longo de 40 anos. Por suposto, non todo o publicado é sobresaliente. E na lista hai unhas cantas obras que non se merecen outra cousa que o esquecemento. Pero o nivel medio é de notable alto e, na antesala da estrea dos últimos jedi, o episodio VIII da saga, merece a pena destacar algúns videoxogos para ampliar a experiencia nun móbil, nunha consola e, sobre todo, nun PC.

Os fillos do baby boom xa se deixaron bastantes moedas nos salóns recreativos dos 80 recreando o asalto dos cazas X-Wing á primeira estrela da morte. Despois puideron mellorar aquela experiencia nos 90 con xoias como Star Wars: X-Wing ou Star Wars: Tie Fighter. Ambos os xogos son simuladores espaciais máis que accesibles para o gran público que aínda poden ser xogados hoxe (envelleceron máis que dignamente) e están á venda en páxinas como Steam (http://store.steampowered.com) ou GOG (www.gog.com). O segundo ten o atractivo de narrar o ocorrido entre O imperio contraataca (episodio V) e O retorno do jedi (episodio VI , última película da triloxía orixinal) desde o punto de vista dos malos, do imperio. Para os que gusten de gráficos un pouco máis modernos e dunha mestura entre unha historia persoal e a gran Historia da guerra das galaxias, unha boa alternativa é X-Wing Alliance. Lanzado en 1999, permite ao xogador pórse aos mandos dunha chea de naves e participar en batallas craves da saga á vez que conta as peripecias dunha familia atrapada no gran conflito espacial.

O seguinte gran xogo de Star Wars foi Jedi Knight II, Jedi Outcast, un título de acción que conta unha historia orixinal e pon ao xogador na pel de Kyle Katarn, un espía sensible á forza que se convertía nun jedi e podía manexar tanto os poderes ao lado luminoso como os ao lado escuro. Como os anteriores, resiste ben o paso dos anos e aínda pode ser gozado hoxe sen problemas.

Este xogo tivo unha secuela no 2003, pero quedou eclipsada polo lanzamento ese ano do que quizais sexa o mellor xogo de Star Wars de todos os tempos, Cabaleiros da Antiga República (coñecido como KOTOR pola abreviatura do seu nome en inglés). Este título de rol desenvolvido pola prestixiosa Bioware (Mass Effect, Dragon Age, Neverwinter Nights, Baldur's Gate) para PC e Xbox está ambientado nunha época moi anterior á das películas e ofrece ao xogador unha historia épica cunha sorpresa argumental memorable, ao nivel do famoso «Eu son o teu pai» da triloxía orixinal. E iso son palabras maiores. Cabaleiros da Antiga República conta agora con versión para móbiles e tivo unha segunda entrega que usaba o mesmo motor e mantiña o aspecto gráfico do orixinal, pero incluía, da man da compaña Obsidian, unha nova historia, para moitos superior á orixinal, que vai máis aló da clásica dicotomía entre luz (ben) e escuridade (mal). Excelentes diálogos, personaxes moi ben desenvolvidos e decisións morais con peso e consecuencias completan a lista de argumentos para gozar de KOTOR II.

Nunca houbo seca de xogos de Star Wars. Outros títulos notables que chegaron na primeira década do século XXI foron The Force Unleashed, que contaba a historia dun discípulo de Darth Vader; Empire at War, un xogo de estratexia en tempo real tipo Age of Empires; Republic Commando, acción táctica protagonizada por un escuadrón de soldados clon; ou o multijugador masivo en liña Old Republic, aínda activo e que pode ser gozado sen cotas mensuais.

O último gran xogo de Star Wars acaba de chegar ao mercado. Chámase Battlefront 2. E deu moito que falar. Ao principio, antes do seu lanzamento, por razóns positivas: gráficos espectaculares en escenarios míticos da saga, inmersión en primeira persoa en combates a pé ou espaciais, batallas multijugador, unha nova historia na que aparecen personaxes como Luke Skywalker ou Kylo Ren e contada desde o punto de vista dunha unidade de elite imperial... Despois, aínda que cultivou críticas positivas, situouse no centro da polémica polo seu sistema de micropagos, demonizado (con razón) polos usuarios por abusivo e que tivo que ser redeseñado pola produtora EA.