Telemetría para surfeiros desde Galicia

David Serantes

EXTRAVOZ REDE

Na última edicio?n do Panti?n Classic Galicia Pro , ITG presentou a nivel mundial un innovador sistema de telemetri?a que mide a forza que imprime o surfeiro á táboa e a velocidade de ejecucio?n dos xiros. Integrado coa sen?ao de televisio?n, achega informacio?n obxectiva e medible para surfeiras, locutores e espectadores.

02 jul 2018 . Actualizado ás 21:01 h.

O control de cada un dos parámetros do coche que se miden en Fórmula 1 é o obxectivo da telemetría nese deporte, unha competición que caeu rendida ante a tecnoloxía e sen a cal xa non se entendería ningunha transmisión. O piloto é moi importante, por suposto, pero a telemetría encárgase de achegar a información necesaria que lle permite tomar decisións sobre que facer e cando facelo.

O deporte do surf conta desde hai pouco cun sistema de telemetría, Flythings Surf, que como todas as tecnoloxías é previsible que evolucione ata chegar ao usuario amateur. Algúns profesionais deste deporte como Ricardo Bilbao, ex seleccionador nacional da Federación Española de Surf e adestrador profesional, destacou que «esta solución podería facilitar o meu traballo nun 40%; é unha tecnoloxía revolucionaria para o surf, que chegou para quedar». Mentres que David Prescott, locutor da WSL, comentou que «para nós é fantástico dispor desta información. O público demanda datos, gráficos, comparativas... e a integración co sinal de televisión dá moito xogo».

Desde Galicia, os enxeñeiros do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) traballan no perfeccionamento do sistema coa mira posta nos Xogos de Tokio 2020. Unha edición na que o surf se estreará como deporte olímpico e á que se agarda chegar cun sistema perfeccionado de telemetría que permite medir a velocidade de xiro e a forza que se imprime sobre as táboas.

FlyThings Surf é unha solución formada por un dispositivo hardware (un sensor de 51 gramos de peso, 6 centímetros de diámetro e 2 de grosor que se instala na punta da táboa); e por un software que representa sobre a imaxe de vídeo os valores que acada o surfeiro en cada unha das súas manobras. A información obtida permite valorar, de forma obxectiva, o esforzo, a habilidade e a destreza destes deportistas.

O sensor, de alta precisión e baixo consumo, rexistra 50 datos por segundo. Durante o campionato foron analizados e tratados un total de 13,58 millóns de datos con técnicas de intelixencia artificial dando como resultado unhas estatísticas comprensibles para o espectador.

Os parámetros que se rexistran proporcionan unha radiografía 4D do surfeiro durante o tempo que estea na auga. Pódense coñecer e discriminar os movementos e/ou manobras do deportista mediante o coñecemento e análise da posición exacta da táboa en tres eixos (tres dimensiones) e o longo do tempo (cuarta dimensión).

A solución que se empregou na pasada edición do Pantín Classic Galicia Pro é unha versión xa moi optimizada de FlyThings Surf. Os próximos desenvolvementos permitirán cuantificar e diferenciar a tipoloxía de xiros ou tempos efectivos de traballo, aceleracións en puntos críticos da onda e sempre cun rexistro en tempo real que facilita o traballo dos xuíces e dos speakers e fai máis interesante o seguimento do campionato polo público. Ademais, prevese unha redución do tamaño do dispositivo nun 50%. Surfeiros da talla de Andy Criere, un dos que utilizaron esta solución durante a competición, cualificaron a experiencia de «moi útil para analizar o noso traballo antes e despois de cada campionato. É o futuro».

Da Fórmula 1 ao «running»

Todo o mundo ten ao alcance medir os seus parámetros de carreira, a pé, en bicicleta e mesmo a nado. Os deportistas profesionais e afeccionados dótanse de equipos de medida que reflicten o percorrido que seguiron, as velocidades en cada un dos puntos, a altitude que superaron e mesmo os ritmos cardíacos acadados a cada paso. Unha revolución da medida que atrae a moitas persoas que buscan a superación persoal en cada adestramento e en cada competición popular á que acoden. As apps son as responsables de que isto funcione tan ben. Aproveitando os sensores dos propios «smartphones» encárganse de elaborar vistosas estatísticas que ofrecen unha lectura rápida dos resultados e achegan un compoñente social ao enfrontar os nosos valores aos dos nosos contactos; subir un posto no ránking de Runkeeper ou Endomondo é unha boa motivación para saír un día máis á rúa. Como sucede coa Fórmula 1, que axudou a mellorar algúns aspectos da seguridade viaria, é moi probable que estes avances na métrica do surf acaben chegando ao usuario final.