Fin da saga que ensinou a morrer

Carlos Pereiro

EXTRAVOZ REDE

Tras o lanzamento do DLC «The Ringed City» para «Dark Souls III», a saga de épica e acción creada polo nipón Hidetaka Miyazaki chega ao seu fin. Difíciles, desesperantes, a intres e incriblemente belos; así son os títulos que xa forman parte da historia.

24 novs 2017 . Actualizado ás 13:37 h.

Aparece a mensaxe «Morriches». E volta a empezar. E volta a morrer. E volta a empezar. E, ao fin, o xefe do nivel é derrotado. Desde o lanzamento de Demon's Souls no 2009, Miyazaki loitou ao contraxeito coas tendencias actuais: xogos doados, con mortes sen castigo, con historias lineais, que se pasaban sen maior esforzo. A súa aposta pola dificultade, porque todo momento sexa un reto constante, e mesmo que o argumento teña que ser descuberto e fiado polo xogador; foron a firma dunha saga titánica, unha quenlla jurásico, un auténtico megalodón no océano que é a industria do videoxogo.

The Ringed City, o segundo e último DLC de Dark Souls III, é a gran despedida de Miyazaki. Unha chiscadela constante ás súas outros capítulos e unha dificultade absolutamente endiañada que chega a rozar o imposible. Non o é, pero así foi sempre. Ensaio e erro. Morrer, aprender, tratar de facelo mellor.

A historia da saga Souls é difícil de contar, mesmo de resumir. Apenas hai escenas cinemáticas, e na maioría dos casos resérvanse para a presentación de grandes monstros ou xefes finais. Como se decata entón o xogador que está a ocorrer? Lendo, conversando, atando cabos. Talvez a descrición dun obxecto, dunha espada, ou dunha machada garde algo do mundo no que se desenvolve a saga; do mesmo xeito que os NPCs que van soltando pistas do noso destino e a nosa misión. O protagonista, que é moldeado ao antollo do usuario, desde o seu aspecto físico ao seu xeito de combater, nunca fala.

É un final que deixa sabor agridoce. Máis cando non é a mellor creación de Miyazaki. Talvez demasiado lineal, talvez demasiado difícil pero pouco natural, talvez pouco inspirado. Non importa. Dark Souls marcou a lume aos seus xogadores. Calquera título similar no futuro será comparado e vapuleado coa obra do nipón. Ironicamente, nunca morrerá.