Controla a gravidade

Brais Capelán

EXTRAVOZ REDE

Tras o éxito que tivo fai cinco anos a primeira parte, Sony revive o fenómeno de PS Vita en PS4. En «Gravity Rush 2» volveremos toparnos con Kat e o seu formidable poder de controlar a gravidade. ?

23 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Era necesario. Moitos afeccionados levaban cinco anos agardando o regreso de Kat en Gravity Rush 2. O lanzamento da aventura orixinal supuxo un auxe de vendas de PS Vita, unha consola que non cumpriu as expectativas dos seus usuarios, pero que tivo nesta primeira entrega de Sony uno dos seus mellores xogos. Un lustro despois, as fórmulas son as mesmas, pero aplicadas á nova máquina de sobremesa da compaña xaponesa, pois Gravity Rush 2 é exclusivo de PS4. Hai unha cousa clara: é un gran videoxogo. Os fans poden estar tranquilos, pois a espera mereceu a pena. A pesar de pequenos altibaixos, como o feito de ter alongado demasiado a trama con misións algo repetitivas, todos os recursos dos que se serviu Japan Studio casan á perfección.

De novo, meterémonos na pel de Kat, unha heroína que é capaz de controlar a gravidade á súa antollo e empregar este poder para levar a cabo diferentes tarefas. Xa sexa loitar contra poderosos monstros ou resolver crebacabezas, este apartado do xogo é o máis destacable da experiencia e foi unha auténtica revolución na primeira entrega, que foi remasterizada o pasado ano para PS4. En Gravity Rush 2, o factor sorpresa dilúese, pero non por iso deixa de ser divertido.

A historia, como xa pasou na primeira parte, contarásenos a través de viñetas. O xogo, dividido en catro bloques, mantén o encanto visual do orixinal, con esa estética xaponesa que casa tan ben coa narrativa. Kat, de novo, terá que evitar que unha serie de tormentas gravitatorias destrúan a súa adorada cidade, Hekseville. Para iso, contará coa colaboración de personaxes cos que xa tivo que lidar na primeira parte. O guion pasa por ser outro dos puntos fortes desta aventura, pechando todos os fíos argumentais que quedaran abertos e pondo -quen sabe- fin á historia de Kat.

Trátase dun xogo que se pode prolongar máis aló de 20 horas. Teremos unha infinidade de misións secundarias que nos permitirán mergullarnos aínda máis neste misterioso universo. Unha experiencia que non chega ao nivel de mundo aberto, pero que permite ao xogador explorar o mapa ao seu antollo. É, xa que logo, unha aventura que non deixará indiferente a ninguén. A súa proposta pouco común e a súa velocidade levarán ao xogador a rematala nunhas poucas sesións.