Xogos míticos dos noventa

EXTRAVOZ REDE

Grandes videoxogos do pasado poden ser gozados hoxe en día grazas a tendas dixitais que os venden a un prezo alcanzable e adaptados a sistemas operativos modernos e pantallas actuais. Así se pode gozar de xoias que, como os bos viños, envelleceron ben.

23 oct 2016 . Actualizado ás 04:55 h.

A nostalxia vende videoxogos. A xeración que foi a EGB e é o principal sostén económico da industria cultural emociónase con facilidade cando se evocan mitos de mocidade como aqueles microordenadores Spectrum que reinaron nos 80. E lembra con cariño títulos que lle permitiron divertirse durante horas, pero que, vistos con perspectiva histórica, eran moi limitados, tanto en jugabilidad como en aspecto gráfico. E non soportaron ben o paso do tempo. Non ocorre o mesmo cos xogos dos 90, a década na que triunfaron as consolas de 16 bits (Super NES e Mega Drive) e aqueles grandes pecés con disquetera e CD ROM. Entón, en éraa do apoxeo da aventura gráfica, viron a luz títulos lendarios, de aspecto gráfico resultón e jugabilidad case exquisita, que envelleceron ben, moi ben, tan ben que aínda son capaces de seducir a numerosos xogadores e abriron unha vía de negocio.

Hai uns anos, a Rede estaba chea de páxinas de abandonware. Aloxaban ou enlazaban videoxogos antigos supostamente descatalogados. Máis aló de calquera debate legal, calquera usuario que os descargase tiña que facer uns cantos axustes e utilizar programas extra ?emuladores? para poder gozalos nos seus equipos. E sen garantía de éxito.

O panorama cambiou grazas a tendas dixitais como Steam (www.steampowered.com), Gamersgate (www.gamersgate.com) e, sobre todo, GOG (www.gog.com). Esta web polaca é a plataforma de venda de xogos dos creadores dunha das mellores series dos últimos anos, a rolera e literaria The Witcher. Alí pode adquirirse calquera dos títulos protagonizados por ese fascinante heroe mutante chamado Geralt de Rivia, unha chea de novidades recentes e tamén centenares de referencias de éxito do século pasado.

O nome completo da tenda é case un slogan e resulta bastante elocuente: Good Old Games. Cumpre o que promete ? Pois si. Con fartura.

Os xogos foron adaptados para funcionar cos actuais sistemas operativos e para poder ser gozados con pantallas de gran tamaño (aínda que os gráficos son os orixinais, polo tanto estarán pixelados). Tampouco fai falta instalar ningún programa a maiores nin realizar ningunha configuración complicada. E non inclúen controvertidos sistemas de protección anticopia ou xestión dixital de dereitos (DRM).

Cun cartón de crédito e/ou unha conta de Paypal calquera pode adquirir un xogo en GOG. O catálogo é moi amplo. Inclúe grandes sagas como os roleros Ultima ou os primeiros títulos de estratexia deseñados por Sid Meier (Civilization I, II e III, Colonization oAlpha Centauri). Tamén permite gozar dalgúns dos videoxogos que desenvolveu o lendario estudo LucasArts.

George Lucas non só creou A guerra das galaxias e as súas secuelas, tamén se gañou un oco na historia dos videoxogos cunha compaña que creou nos anos 90 un puñado de títulos memorables, que aínda ofrecen hoxe en día grandes satisfaccións ao usuario, en varios xéneros.

Se un quere pórse aos mandos dun caza como o de Luke Skywalker ou dun do imperio, están simuladores como Star Wars: X-Wing ou Star Wars: Tie Fighter. Hai decenas de xogos ambientados no universo galáctico que agora é propiedade de Disney. Hainos bos, regulares e malos.

Se se pretende gozar dunha gran aventura de Indiana Jones, comparable ás tres primeiras películas dirixidas por Spielberg e producidas polo propio Lucas, emerxe un nome: The Fate of Atlantis, unha fenomenal aventura gráfica que captura á perfección a esencia da franquía cinematográfica (acción trepidante, grandes misterios, humor e personaxes carismáticos) e que, á vez, é un grandísimo xogo. Outras aventuras que fixeron historia e poden ser xogadas son as doutra serie mítica, Monkey Island.

Os prezos destes e doutros xogos históricos como o rolero Planescape Torment poden fluctuar, pero case nunca superan os 10 euros (Fate of Atlantis custa 5) e ao longo do ano hai varios períodos de suculentas rebaixas. É moi difícil non picar.