Un parquímetro no teu móbil

EXTRAVOZ REDE

A Coruña e Santiago deixaron aparcado o pasado e subíronse ao carro do pagamento da zona azul desde o móbil. Coa «app» e-park, acabáronse as pelexas cos incomprensibles parquímetros e as carreiras para ampliar o noso ticket

26 jun 2016 . Actualizado ás 04:00 h.

Todos nos vimos na cola dun comercio que non avanza ou no medio dunha agradable conversación que non queremos que acabe mentres o noso oído escoita as agullas do reloxo e a nosa cabeza pensa no ticket sobre o noso afastado cadro de mandos que acaba de caducar.

En moitas cidades españolas, isto xa non é motivo de estrés, porque decidiron subirse ao carro da tecnoloxía para facer o pagamento da ORA moito máis doado, cómodo e acorde cos tempos actuais. En Galicia, de momento, só está dispoñible en dúas cidades: A Coruña e Santiago.

Nas tendas de aplicacións hai un numerosas apps que permiten pagar as zonas azuis ao longo e ancho de toda a xeografía española. E en canto ás cidades, hai de todo. Desde aquelas, como Madrid, Barcelona ou Cidade Real, nas que o usuario pode elixir entre varias opcións que compiten ferozmente, ata outras, como Las Palmas de Gran Canaria, que crearon a súa propia.

En Galicia témolo moito máis doado. E-park, gratis e válida para iOS e para Android, é a única que permite usar estas novas funcionalidades do pagamento da ORA a través do smartphone tanto na Coruña como en Santiago.

Así funciona

Ademais das vantaxes de pagar e de ampliar tickets a distancia, e-park ten outro punto ao seu favor: é moito máis intuitiva que os tediosos e en ocasións incomprensibles parquímetros que atopamos polas rúas das cidades.

Para empezar a usala, a aplicación pide ao usuario crear unha conta coa súa clave e introducir os nosos datos básicos e, a continuación, incluír a información do noso vehículo: matrícula, marca, modelo e cor do noso coche.

A diferenza doutras apps similares, e-park funciona como un cartón prepagamento. Así que antes de poder utilizala, hai un último paso: introducir os datos dun cartón bancario e realizar unha recarga de saldo, cun mínimo de cinco euros.

Unha vez chegado a este punto, só queda utilizala. Ao realizar un pagamento, elixir a matrícula do noso coche e a cidade, aparece unha interfaz semellante a un parquímetro no que se nos indica o saldo do que dispomos e pídenos que elixamos tipo de zona («azul», «curta duración» ou «express» na Coruña e «xeral», «curta» ou «longa» en Santiago). Para rematar, só queda elixir o importe.

Pero, que pasa se nos damos conta nun momento dado de que queremos máis? Se o ticket aínda non venceu, só hai que acceder a el para amplialo. Se acaba de vencer xusto nese momento, podemos comprar outro. Iso si, sempre ata o límite máximo de tempo que marca a ordenanza municipal.

No caso de Santiago, e-park mesmo permite anular as multas.

Se che sobra tempo e séntesche solidario, podes ademais ceder os minutos que quedan a outros usuarios, que accederían a unha bolsa de minutos sobrantes e libraríanse de pagar durante un intre.