Mini segue fiel ás súas raíces

MOTOR ON

Bernhard Filser

Os cambios introducidos na gama do Mini, tanto nas súas versións de 3 ou 5 portas como no Cabrio, reafirman o seu carácter de coche «premium» nun formato de pequeno tamaño, pero non o aparta un chisco das súas virtudes de orixinalidade e deportividade.

18 jul 2021 . Actualizado ás 16:03 h.

Mini segue sendo unha marca de puristas, de condutores que buscan a diferenciación por amais de todo e de beber na tradición para acadar a vangarda. A nova gama non ten grandes novidades, pero nos pequenos detalles reafirma a súa condición.

A nivel estético déixanse ver cambios na súa grella, que agora é máis grande e chega ata máis abaixo, ademais dunha toma de aire lateral por diante das rodas dianteiras, pero no que sorprende máis é na súa pintura bitono, que agora personaliza máis cada unidade, cun degradado no teito que vai do negro á cor da pintura que fai que cada Mini sexa diferente aos outros. A todo isto hai que sumar novo deseño en lamias e paragolpes traseiro, onde agora a luz antinéboa vai colocada no centro.

A nivel interior tamén recibe modificacións, como a pantalla central enmarcada no círculo característico de Mini, con case nove polgadas e con novos grafismos. Conta tamén cun cadro de instrumentos dixital con pantalla a cor de cinco polgadas, asentos deportivos e difusores interiores de aire de novo deseño. Por primeira vez incorpórase un freo de man eléctrico.

Nos motores (só gasolina) tamén se traballou para reducir consumos e emisións, grazas a un filtro de partículas. Hai versións One, Cooper, Cooper S e JCW. As dúas primeiras con tricilíndricos de 102 e 136 cabalos, mentres que no Cooper S, xa con motor de catro cilindros, a potencia aumenta ata 178 cabalos. O John Cooper Works, o máis deportivo, consegue entregar 231 cabalos. Os modos de condución Green, Mid e Sport facilitan máis a experiencia de pilotaxe.

Outro paso adiante deuse nas axudas á condución, algo no que cada vez insisten máis todos os fabricantes e que agora chegan á gama Mini en forma de control de carril, un estándar xa para a maioría de modelos do mercado. Pero opcionalmente pode contar tamén con control de cruceiro activo.

ACABADOS

Os acabados desta nova gama Mini son tres: Classic, Sport e Yours. Os prezos cos que se comercializan parten desde os 22.300 euros para a carrocería de tres portas, 23.100 para a de cinco e 26.300 euros no caso do Cabrio, todos en versión One, a máis básica. Tamén se vende o Cooper SE, con motor eléctrico, cun prezo de 34.200 euros.

Tivemos a oportunidade de probar a versión Cabrio desta nova gama Mini e séguenos parecendo un coche diferente, moi directo e firme nas súas suspensións, con reaccións precisas. Co motor de 178 cabalos é contundente en aceleracións e recuperacións, á vez que permite gozar ao aire libre. Pero mesmo co motor Cooper de 136 cabalos xa ten un dinamismo suficiente e os seus consumos son moi axustados. En habitabilidade e comodidade poderá haber rivais que lle superen, pero non en sensacións ao volante.

Nos seus 3,86 metros de lonxitude o Mini brinda sensacións de coche «premium», polas súas reaccións directas sobre o asfalto