Fiat 500e: a dolce vita eléctrica

Héctor Ares

MOTOR ON

ALESSIO PANUNZI

Fiat presentou a terceira xeración da súa icona, o Fiat 500, que agora se ofrece só con mecánica cento por cento eléctrica. Cun máximo de 320 quilómetros de autonomía e o seu tamaño de menos de catro metros, convértese nunha opción moi acorde coas necesidades das cidades de hoxe en día.

12 dic 2020 . Actualizado ás 14:52 h.

E n 1957 Fiat presentou o 500, o coche que motorizou a Italia como o fixo o Seat 600 no noso país. Aquel pequeno e redondeado coche foi un éxito absoluto e a súa popularidade foi tal que se converteu na auténtica icona da automoción italiana.

En 2007 a firma italiana devolveu á vida ao 500 que coñeciamos ata agora, e fíxoo manténdoo como un coche de carácter eminentemente urbano grazas aos seus menos de catro metros de longo.

Agora que estamos en plena era do automóbil eléctrico, o Fiat 500 volve a reencarnarse e faino como Fiat 500e, que é o nome comercial que recibe. Trátase dun coche eléctrico que busca converterse en solución de mobilidade nas cidades actuais, onde a sustentabilidade gaña importancia día a día.

Mantén o estilo inconfundible, elegante e desenfadado que sempre lle caracterizou, a pesar de que agora esconde un paquete de baterías no piso do coche e un motor eléctrico diante. Está dispoñible con tres niveles de acabado: Action, Passion e Icon e tres carrocerías, a coupé, a convertible e unha nova 3+1 que incorpora unha pequena porta de apertura inversa nun dos lados para facilitar o acceso ás prazas posteriores.

A versión máis capaz entrega 118 cabalos e grazas á súa batería de 42 kWh homologa 320 quilómetros de autonomía antes de ter que enchufarlo. Conducíndoo destaca o silencio e a suavidade coa que se move, sendo moi agradable para o uso urbano. O seu prezo parte dos 24.900 euros e Fiat tamén dispón dunha opción chamada Easy Plan que, cunha entrada que rolda os 5.000 euros, podes ter o coche varios anos pagando cotas mensuais de 109 euros en diante en función do acabado elixido.

O Fiat 500 di adeus aos motores de combustión e agora, como coche eléctrico, mantén o seu estilo italiano