Subaru: axuda para o bóxer

MOTOR ON

Alex Aguilar

Os característicos motores de Subaru con arquitectura bóxer de cilindros horizontais e opostos teñen agora a axuda doutro eléctrico de 12,3 kw, colocado na caixa de cambios, que reduce as súas emisións e consumos. Móntanse sobre o Forester e o XV.

15 mares 2020 . Actualizado ás 17:07 h.

A marca xaponesa Subaru caracterizouse sempre polo seu cariño polo concepto todo terreo, agora dulcificado nos urbanos SUV. Ademais das súas potencialidades 4x4, os Subaru destacan por unha arquitectura de motor moi orixinal, que só comparten con Porsche, consistente en que os seus cilindros están colocados en posición horizontal e opostos en 180 graos. Iso fai que o centro de gravidade descenda e beneficie a estabilidade e o comportamento en curva. Por iso resulta moi orixinal a forma na que agora resolveron a hibridación lixeira que xa gozan o Forester e agora o XV, ao colocar o motor eléctrico na caixa de cambios.

O XV é o modelo máis popular de Subaru en España. Trátase dun SUV compacto de 4,46 metros de lonxitude con liñas moi persoais, que ademais ofrece novas cores como o azul perla das fotos e acabados interiores en tons bronce no nivel Executive Plus.

O XV ECO Hybrid conta cun motor 2.0 litros atmosférico de catro cilindros que rende 150 cabalos, ao que se lle engade un motor eléctrico de 12,3 kw, alimentado por unha batería de 118 voltios. Con esta combinación o consumo é de 7,9 litros/100 kms e as emisións de CO2, de 180 gr/km.

Co acabado Sport Plus, o prezo deste híbrido é de 30.500 euros, mentres que o Executive Plus vaise a 32.500 euros. Coa Plataforma Global Subaru como base, do mesmo xeito que o Forester, ofrece tracción permanente simétrica ás catro rodas, outra dos acenos de identidade da marca. Hai que dicir que en modo só eléctrico é capaz de rodar 1,6 quilómetros.

A electrificación de Subaru faise así patente no segundo modelo tras o Forester que adopta esta tecnoloxía, precisamente o máis vendido desde o seu lanzamento en 2012, con 8.000 unidades nos últimos anos, e ademais nun ano importante para a marca.