O SUV máis luxoso e deportivo

Juan Torrón

MOTOR ON

Audi acaba de lanzar ao mercado o Q8 como o SUV máis luxoso de toda a súa gama. Equipado coa máis alta tecnoloxía, sitúase por amais do Q7 como o modelo máis deportivo. Máis ancho e mais baixo, consegue un comportamento en asfalto e montaña máis propio dunha berlina deportiva que dun SUV con lamias de 22.

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo Q8 mide case 5 metros de lonxitude e case 2 metros de ancho e sobre estas medidas os deseñadores de Audi quixeron mostrar como van ser as novas liñas de deseño da marca dos catro aros. Unha grella de grandes dimensións co formato singleframe e o seu recorte octogonal confírenlle un aspecto musculoso e agresivo, ao máis propio estilo do Lamborghini Urus, co que comparte chasis e numerosos elementos. As súas lamias poden ir desde as 19 ás 22 polgadas e é con esta como máis atractivo se mostra un coche, cuxo teito cae na parte posterior para darlle un toque cupé á súa liña. Na traseira as súas luces lembran ao Porsche Cayenne ao unirse nunha liña os dous pilotos, equipados con tecnoloxía led activas.

É no seu interior onde nos damos conta do alto equipamento deste Q8, cuxo peso final se detén nos 2.145 quilogramos. E é que o seu cadro de mandos se asemella en moito ao A8 e ao A6, con dúas pantallas de grandes dimensións na zona central, táctiles e de doado manexo. Un alto equipamento que chega a ter case 40 axudas á asistencia da condución. O acabado non pode ser máis luxoso e os seus grandes asentos ofrecen un amplo espazo, tanto nas prazas dianteiras como na traseiras, onde o asento pode moverse longitudinalmente para aumentar así a capacidade do maleteiro ata os 605 litros.

E nun momento onde o diésel parece o culpable de toda a contaminación do mundo, Audi propón dous motores de ciclo diésel, un V6 de 286 cabalos capaz de acelerar de 0 a 100 en tan só 6,2 segundos e outro tamén coa mesma configuración pero cunha redución de potencia ata os 213 cabalos, situándose como o modelo de acceso á gama. Xa en gasolina a marca propón o 55 TFSI gasolina con 340 cabalos. Todos estes motores incorporan o sistema de propulsión mild-hybrid, sendo considerados como modelos híbridos pola DXT e xa que logo logrando a etiqueta ECO. O prezo do Q8 partirá desde os 84.840 euros para o motor 5.0 TDi.

CORENTA AXUDAS PARA O CONDUTOR

Os deseñadores do seu interior puxeron todo o seu esforzo no deseño e a utilización de materiais para converter o Q8 nun modelo de auténtico luxo. Ademais, 40 sistemas axudan ao condutor no día a día na estrada, cidade ou montaña.

Ao MONTE CON LAMIAS DE 22 POLGADAS

O modo en que se comporta o Q8 en montaña sorprende moito, sobre todo porque coa suspensión pneumática pode acadar os 25,4 centímetros de altura libre ao chan e o seu eixo traseiro direccional permítelle defenderse en xiros pechados.