Dos ralis á rúa

Juan Torrón

MOTOR ON

Hyundai presentou en París as tres liñas sobre as que traballarán no futuro máis inmediato: seguridade, progreso e rendemento. Ademais de modelos de hidróxeno e eléctricos, había un espazo moi importante para as versións deportivas denominadas N.

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A liña máis deportiva de Hyundai, que naceu baixo a letra N e o modelo i30, está a servirlle á marca para crear un maior valor emocional. Modelos de alto rendemento que se van ampliando coa chegada agora do i30 con carrocería fastback e o acabado N, que supón a incorporación do motor de dous litros capaz de desenvolver ata 275 cabalos. Con este modelo, e xunto ao i30 e ao Veloster, xa son tres os modelos que compoñen a gama máis deportiva da marca coreana, que ten no Mundial de Rallyes o seu mellor banco de probas.

Conscientes da importancia do público máis novo na personalización dos coches con certo aire deportivo, a marca tamén expuxo o seu modelo i30N Option, que como o seu nome indica permite máis de 25 opcións diferentes para poder decorar o modelo, tanto no seu exterior como no seu interior.

E nun lugar preferente e con esa característica grella pechada mostrábase a versión eléctrica do Kona. Un SUV de tamaño medio que con 4,1 metros de lonxitude ofrecerá unha autonomía cento por cento eléctrica de 470 quilómetros para o motor máis potente, aínda que haberá outro propulsor de acceso que ofrecerá 135 cabalos e unha autonomía reducida aos 300 quilómetros. Cun maleteiro de 332 litros, o Kona eléctrico tamén ofrecerá unha alta conectividad co smartphone, numerosas axudas á condución e o sistema Stop&Go.

UNHA LETRA MOI DEPORTIVA

A gama dos vehículos deportivos de Hyundai, denominados N, aumenta coa chegada da carrocería «fastback».

EN BUSCA DE MOZAS

A marca ofrece aos máis novos a posibilidade de personalizar o coche con máis de 25 opcións moi deportivas.