Paso aos eléctricos

MOTOR ON

Xa se pode asegurar que ningún grupo automobilístico ignorará os coches eléctricos na súa gama na contorna do 2020. Mercedes e Audi xa anuncian os seus primeiros coches.

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A ofensiva contra o diésel e as medidas que anuncian xa algunhas cidades europeas provocaron que os plans de electrificación de diversos grupos automobilísticos acelérense. No Salón do Automóbil de París vimos unha eclosión de novos modelos ou concept car en avanzado estado de desenvolvemento que nos fai pensar que nun par de anos todas as marcas estarán electrificadas.

Empezando polos franceses, que xogaban en casa con Renault anunciando versións eléctricas para os seus modelos de máis calado, como o Clio, o Captur e o Mégane; ou o grupo PSA apostando por un concept eléctrico e anunciando ademais o seu novo 508 híbrido; ata marcas máis premium como Mercedes ou Audi, que aínda que non estivo oficialmente en París deixou claras as súas intencións. No caso de Mercedes a entrada no mundo eléctrico, cun modelo de lanzamento próximo chamado EQC, pero con chiscadelas a concepts eléctricos de corte deportivo, é importante; mentres Audi anuncia tamén un primeiro modelo eléctrico, o e-tron con silueta de crossover, como o EQC de Mercedes .

Os coches eléctricos chaman xa á porta dos habitantes das grandes cidades, están aí como alternativa e en dúas ou tres anos haberaos de todos os prezos e tamaños. Pero para que sexan alternativa hai que desenvolver unha ampla rede de postes de recarga pública, algo que, de momento, nas cidades españolas máis ameazantes contra os diésel, Madrid e Barcelona, non ten indicios de producirse. Como se adoita dicir, o carro antes que os bois.

O auxe dos SUV continúa en París

Poderiamos pensar que cos tempos que corren, onde se busca a eficiencia a nivel de emisións contaminantes, o auxe dos SUV, grandes e pesados, que non contribúen moito a este obxectivo, podería minguar.

Pero nas moquetas do salón francés o que vimos foi todo o contrario. Non só unha renovación de todos os modelos de éxito, como o BMW X5 ou o Mercedes GLE, por exemplo, senón a aparición de novos personaxes en diferentes nichos de mercado, como é o caso de Audi co Q8, ou a mesma Seat co Tarraco.

Ninguén quere quedar sen eléctricos, pero todos queren máis SUV nas súas gamas, dúas tendencias incongruentes, xa que as berlinas convencionais son máis eficientes. Pero como xa vimos, os SUV grandes e eléctricos serán tendencia.