O Mini que arrasa nos ralis

Carlos Pereiro

MOTOR ON

MARCOS MÍGUEZ

Conduce o único Mini Cooper S do campionato galego. Pablo Álvarez sempre botou de menos o que fose o primeiro coche da súa vida, por iso cando adquiriu un para restaurar fai cinco anos quixo unir a paixón por este vehículo coa de ser piloto de ralis. Logrouno, e agora o seu equipo é xa un clásico das probas galegas, con frecuentes saídas nacionais e internacionais. Alá por onde pasa, o espectáculo está asegurado. Quen pode resistirse a un coche do ano 71?

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se hai algo que Pablo Álvarez non pode ocultar ao resto do mundo é a súa paixón polo mundo do motor. Máis aínda, se na ecuación incluímos o lendario modelo Mini Cooper. A súa relación con el é especial. Foi o primeiro coche que conduciu co permiso e o carné na carteira. «Orixinalmente pertencía ao meu pai e logo pasou a min. Vendémolo pero sempre quedou esa espinita aí cravada, ata que no 2013 compramos un, restaurámolo e preparámolo para ralis», di.

Así, fai agora cinco anos Pablo axuntou o seu amor polo automobilismo co dun modelo que tiña algo especial. Dous paxaros dun tiro. Comezou a inscribirse en diferentes probas de regularidade, sendo a de Lalín a primeira. Daquela Asturias, Portugal... E hai apenas uns días, o Rallye A Coruña, cun trazado que o piloto coñece ben ao ter sido durante anos un colaborador habitual para a súa organización e funcionamento.

De acordo, é obvio que o Austin Mini Cooper S de Pablo e Jose A. Varela, o seu copiloto, non pode competir de ti a ti cun Festa R5 ou un Mitsubishi EVO IX, polo menos sobre o propio asfalto e os tempos que nel se logran. Fóra del, xa é outro cantar. Non todo vai ser velocidade. Ser o único Mini do campionato galego ten as súas propias vantaxes e unha é, sin duda, a gran popularidade da que o coche goza entre os afeccionados. Aí, o Mini de Pablo e José é un campión indiscutible.

«É un coche espectacular», ri Pablo. «É moi doado derrapar con el. Podes pólo moi rápido ao límite. Posúe unha estética preciosa», engade. Isto último non é unha esaxeración. O piloto coruñés lembra unha anécdota sucedida durante o Rallye de Narón, no que compartía asistencia con Jorge Pérez e a súa Clio R3. Alí a sorpresa invadiulle ao comprobar como se xerou da nada unha cola enorme para poder fotografar o seu coche clásico. Os mecánicos de Pérez rían e comentaban a xogada.

«Para os nenos é o leite. Flipan ao ver un coche tan pequeno». A realidade é que se un o ve en persoa pode parecer case un xoguete en comparación cos vehículos de hoxe en día. É do ano 71. Moitas cousas cambiaron, pero a esencia conseguiu conservala, e de que xeito. «Pesa uns 700 quilos, ten unha relación peso/potencia moi boa. Non posúe unha velocidade punta bestial, nin sequera é capaz de frear máis que unha Vespa. O disco de freo é pouco máis grande que un cedé».

Todo isto non é baladí. A condución do Mini convértese nun reto en si mesmo dada as súas características únicas. A maioría dos pilotos probablemente acabarían na cuneta se tratasen de saírse un pouco da norma. «É moi peculiar á hora de ser pilotado. Xa parte dunha posición extrañísima, co volante case no centro. Os pedais tamén os notarás cambiados».

Esa habilidade ao volante quedou demostrada en máis dunha ocasión. As marcas que manexa o Mini de Pablo son contundentes, chegando a figurar entre os primeiros clasificados da súa categoría reiteradas veces. Compite dentro do grupo cinco en Galicia, e dentro do dous en España. Un obxectivo? Lograr colocarse nese podio sempre que se poida.

Por suposto, todo aquel afeccionado ou curioso xa entrado en anos achégase a Pablo para poder contarlle algunha historia sobre o Mini que tivo no seu día, tales como aquela noite na que ata oito novos se subían nun para poder ir á discoteca de quenda ou ao campo da festa veciño. En Portugal, país ao que é regularmente invitado a participar, a paixón polos modelos clásicos roza o tremendismo. «Teñen un respecto por eles bestial. En novembro correremos de novo», conta.

Ademais de José A. Varela como copiloto, Pablo conta coa inestimable axuda de Santiago Freire e César Santos, os seus mecánicos. Todo queda en casa, pois os medios de que dispoñen son limitados, pero as ganas e a constancia suplen o que sexa. «Non somos profesionais, máis ben somos fanáticos do Mini», chancea o piloto. Aínda que os seus compañeiros xa llo comentaron en máis dunha ocasión, que a man se lle bota porque conduce este coche en concreto, o día que cambie de modelo terán que deixar de estar ao seu lado.

Convén lembralo. A competición automobilística é cara, por iso Pablo e o seu equipo tratan de tomalo como unha aventura entre pezas e asfalto. Entre montaxes e desmontes. A graza está en pasalo ben, en converter esas horas de taller en dúas xornadas de derrapaxes e espectáculo. Contar e escoitar anécdotas do pasado mentres xorden outras novas.