Conquistando Europa

Juan Torrón

MOTOR ON

O crecemento da marca coreana Kia en Europa deixábase notar no salón de París con tres importantes novidades. dous turismos como o Ceed GT e o Proceed compartían espazo coa versión totalmente eléctrica do recreacional e-Niro.

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Cunha autonomía de 485 quilómetros marcados en grande sobre a parede traseira onde se expuña o coche, Kia deixaba claro que se trata dun eléctrico cento por cento cunha gran autonomía. Baixo o nome de e-Niro, este modelo deseñado en California e Corea ofrecerá dous motores en base ao tipo de batería que o cliente elixa e cuxas potencias serán de 204 cabalos para a máis potente e 136 para a estándar. Exteriormente recoñeceráselle pola súa grella denominada tiger-nose.

Tamén mostraba orgullosa Kia o novo Proceed, un coche que non se ía comercializar en Europa pero que finalmente estará no noso mercado durante o primeiro trimestre do ano que vén cunha atractiva carrocería tipo shooting brake. Cunha lonxitude de 4,6 metros, este modelo fabricado en Eslovaquia estará dispoñible cos acabados deportivos GT e GT Line e motores entre os 120 e 204 cabalos. Aproveitando este motor de 204 cabalos tamén estaba en Paris o Kia Ceed GT, recoñecible polo seu novo paragolpes, os seus detalles en vermello como as pinzas de freo, o seu spoiler posterior, lamias de 18 polgadas e un interior en coiro negro e ante.