Chega, por fin, o eléctrico da estrela

MOTOR ON

Mercedes non quere quedar atrás na carreira pola electrificación, onde xa están Porsche, Audi ou BMW, e por iso a marca alemá anuncia a chegada deste EQC, con formato SUV grande, para o próximo ano, cun motor equivalente a 408 cabalos e unha autonomía de ata 450 quilómetros.

09 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Mercedes foi a última marca premium en mostrar a súa carta eléctrica, onde parece que terá que competir nas próximas décadas.

Esta mesma semana hase coñecido a proposta da marca en forma dun SUV de 4,76 metros de lonxitude, con dous motores eléctricos que moven cada un un eixo, capaces de entregar unha potencia de 300 kw que equivalerían a 408 cabalos. O peso das baterías de ion litio é de 650 quilos pero garanten ao EQC unha autonomía de 450 quilómetros, ademais de ir colocadas no chan do coche para mellorar a súa estabilidade. As prestacións deste vehículo serían de 180 quilómetros por hora de velocidade máxima, pero cunha aceleración de 0 a 100 kms/h en só 5,1 segundos.

A batalla entre os eléctricos está a darse agora mesmo nos tempos de recarga e neste sentido Mercedes traballa cun sistema que podería recargar en 40 minutos ata un 80 %. A marca disporá dun wallbox (cargador de parede específico) tres veces máis rápido que o enchufe convencional doméstico.

O consumo de corrente do EQC estímase en 22,2 kwh/100 km.

REVOLUCIÓN ESTÉTICA

Como podemos apreciar nas fotos, a estética do EQC rompe con todo o que coñeciamos ata agora en Mercedes e marcará a liña de todos os seus coches eléctricos. A grella, a pesar de que non terá que refrigerar un radiador, ten unha gran presenza, mentres os grupos ópticos van unidos pola parte inferior desta cunha banda negra Black Panel e un perfil cromado. A liña traseira suxire formas dun cupé.

O interior inspírase no mundo da electrónica de consumo, aínda que mantén as solucións incorporadas ás últimas berlinas convencionais con dúas grandes pantallas dixitais de 10,25 polgadas, unha tras o volante para a instrumentación e outra que continúa ata a parte central do cadro de mandos cos datos de entretemento, navegación e confort.

Aínda que a velocidade máxima de 180 kms/h está limitada electrónicamente, o coche non renuncia ao dinamismo grazas á súa tracción total e a programas de condución seleccionables, entre eles un Sport, onde se pode manexar o cambio mediante as levas do volante.

A produción do EQC dará comezo a principios do 2019 na planta alemá de Bremen, aínda que para o mercado chinés utilizarase outra factoría en Pequín.