Agosto, o mellor mes para comprar

MOTOR ON

Renault

Se vostede está a pensar en cambiar de coche nos próximos meses ten por diante vinte días únicos, nos que os concesionarios galegos de todas as marcas lle ofrecerán descontos que poden chegar ao 30 ou 40 % sobre o prezo de venda ao público en moitos dos seus coches novos.

13 ago 2018 . Actualizado ás 08:04 h.

Antes do 31 de agosto os concesionarios teñen que desfacerse de miles de coches que a partir do 1 de setembro non poderán matricularse por falta de homologación, ou en caso de facelo terán un imposto de matriculación superior ao actual que os encarecerá. Ante esta situación o que fan os concesionarios é automatricular todas as unidades que poden antes do 1 de setembro e logo sacalas ao mercado como quilómetro cero, neste caso conxuntural con descontos máis esaxerados do habitual.

 A orixe desta situación vén pola posta en vigor a partir do 1 de setembro dunha nova normativa de emisións a nivel europeo chamada WLTP que medirá as emisións en situacións reais de circulación, en estradas abertas e rúas urbanas e non sobre un banco de rodetes que reducía os resultados. Para estar homologados nestas condicións hai unha serie de laboratorios oficiais que realizan as medicións, máis minuciosas, coa particularidade de que non só pasa unha única unidade de cada modelo, senón que teñen que pasar todas as motorizacións e cos seus distintos acabados. Isto provocou un atraso impresionante nas medicións que deixaron a moitos fabricantes sen a posibilidade de ter os seus coches homologados para o 1 de setembro. Ante esta situación algunhas marcas decidiron dar de baixa definitiva a certos os modelos da súa gama, xeralmente aqueles con peores volumes de venda, e mesmo nos que quedan no mercado reducirán as súas versións tanto en motores como en acabados, para aliviar as homologacións.

Pero esta non será a única consecuencia, xa que todos os modelos homologados coa norma WLTP de medicións en condicións reais aumentarán as súas cifras de emisións. Incluso os híbridos. Isto quere dicir que moito dos modelos que agora mesmo estaban exentos de pagar impostos de matriculación por declarar menos de 120 gramos por quilómetro de CO2 pasarán a pagar o 4,5 %, ao enclavarse no seguinte tramo de emisións e así sucesivamente. O aumento de prezos con impostos será xeneralizado en todos os turismos a partir do 1 de agosto.

Aproveitar a ocasión

Os coches que se poñan á venda antes do 1 de setembro seguen sendo absolutamente legais a nivel de homologación a partir desa data, ao estar matriculados con anterioridade. De modo que as ocasións que agora mesmo xa están a anunciar directamente en todas as súas campañas de publicidade os fabricantes e sobre todo os concesionarios de forma máis particular merecen moito a pena. Como nos dicía esta mesma semana a xerente dun importante concesionario galego: «Este mes estamos a ofrecer os mellores prezos que lembro en toda a miña experiencia profesional». Incluso a patronal Anfaco agarda unhas cifras de matriculacións espectaculares para este mes e o boca a boca comezou a funcionar entre os compradores.