Galicia crea un novo utilitario

Juan Torrón

MOTOR ON

O novo Peugeot Rifter chegará ao mercado en setembro para inventar un novo segmento. O mellor dun monovolume e dun SUV poderano atopar os clientes que se decidan por este modelo, que ademais se fabrica xa en exclusiva mundial no centro de PSA en Vigo. con dúas lonxitudes de carrocería é capaz de ofrecer 5 ou 7 prazas, cunha ampla capacidade de carga.

15 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Peugeot buscará co Rifter satisfacer as necesidades dos autónomos e familias que busquen a práctica de deportes e lecer aproveitando ao máximo o amplo espazo que ofrece este modelo, así como a súa versatilidade ao poder encartar os asentos sen necesidade de quitalos e deixando o piso do coche totalmente plano. Outro detalle curioso é que é un dos poucos coches que é capaz de montar tres cadeiras de nenos na fila de asentos traseiros coa seguridade Isofix. E todo iso grazas á utilización do chasis EMP2 que xa equipan modelos como o C4 Space Tourer ou o Peugeot 3008. Isto permítelle un comportamento na estrada idéntico ao de calquera turismo, cunha cómoda posición ao volante, xa que imos situados altos e ademais cos reloxos de información moi visibles grazas ao volante de pequenas dimensións logrado coa incorporación de i-cockpit da marca. Os materiais do habitáculo son agradables ao tacto e unha pantalla central e táctil de 8 polgadas permite manexar case todas as funcións do coche. A panca de cambios queda moi a man, pero Peugeot ofrece a posibilidade de montar unha caixa automática EAT8 de oito velocidades, ata agora inédita no segmento e dispoñible nos motores gasolina e diésel máis potentes.

Dispoñible desde 17.800 euros, a marca propón catro niveles de acabado: o Access como o máis básico, seguido do Active e do Allure, e xa desde 21.220 euros a versión máis atractiva denominada GT Line. En canto a motorización, a marca tira dos motores máis limpos e económicos, tanto en ciclo diésel como gasolina. No primeiro haberá versións con 75, 100 e 130 cabalos, mintas en gasolina terá os PureTech tan premiados pola industria de 110 e 130 cabalos.

O novo Rifter tamén quere presumir de axudas á condución, xa que conta con numerosos elementos que facilitan e sobre todo aseguran aos ocupantes do vehículo, como control de ángulo morto, freada de urxencia ou aviso do cambio de carril involuntario.