Filly, un escúter feminino

MOTOR ON

O Filly é unha aposta de Kymco pensando no público feminino que cada vez utiliza máis este medio de transporte. é lixeiro e de reducido tamaño.

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Con só 115 quilos de peso e unha distancia ao chan de 76 centímetros, o Filly resulta moi doado de conducir mesmo para aqueles condutores/as con pouca corpulencia. Como exclusiva, na versión española incorpora ABS, un elemento de seguridade moi loable para evitar bloqueos de roda que acaban provocando caídas.

Ten un deseño elegante con suaves liñas, e un taboleiro dixital doado de ler, ademais dun cofre amplo onde cabe un casco aberto. O chan é plano, facilitando a postura e subirse ou baixar del, e leva unha práctica asa para colgar bolsas/vos diante do condutor.

O motor é un sinxelo monocilíndrico de dúas válvulas con 9,5 cabalos de potencia e un reducido consumo de 2,4 litros aos 100. Ademais resulta moi silencioso. Este novo escúter chegará ao mercado nas próximas semanas e terá un prezo de 2.669 euros, que inclúe un ano de seguro con cobertura de roubo. Este vehículo inclúese no programa Genius de Kymco, que ofrece seguro a todo risco por 65 euros ao ano, garantía para o terceiro e cuarto ano por só 75 euros e un financiamento especial.

España será o primeiro país europeo que o comercialice, para o que se adaptou á norma Euro4 de emisións e con el pretende ampliar a súa carteira feminina de clientes ata un 38 %, co Filly e o Miller como vehículos pensados especialmente para elas.

Kymco Like, a liña vintage imponse

O Like é un económico escúter de Kymco, con 125 cc. e un prezo sen competencia de só 2.599 euros, onde vai incluído o seguro a terceiros con roubo. Pertence aos cada día máis frecuentes produtos deste segmento urbano onde se aposta por unha liña retro, concretamente con reminiscencias de Lambretta.

As cores cos que se comercializa son o gris, o branco ou o vermello. Ademais ten freada combinada e sistema de iluminación Full LED.

Cun económico motor de 125 cc. e 12 cabalos de potencia, pesa só 128 quilos, co que o seu manexo resulta moi sinxelo.

O Like pode resultar cómodo mesmo para dous adultos, e baixo o seu asento cabe o casco. Ten detalles como o gancho portabolsas ou a toma USB que serán apreciados polos usuarios urbanos. O pasaxeiro leva unha asa posterior.

Realmente o seu uso debe circunscribirse ás cidades, xa que o seu prestacións non lle fan aconsellable para autoestradas e autovías. O Like é un escúter de acceso moi recomendable para saltar do coche á moto.