Deportivo e híbrido ao sol

MOTOR ON

O BMW i8 Roadster é un automóbil único, sen competencia. Se só fose un roadster feito en fibra de carbono non sería así, pero a estas dúas características une as de levar propulsión híbrida en base a un motor de tres cilindros de gasolina axudado por un eléctrico enchufable, que suman entre ambos os 374 cabalos.

20 may 2018 . Actualizado ás 16:37 h.

Se o modelo Coupé xa resultaba espectacular, esta versión Roadster o é moito máis. Os enxeñeiros de BMW conseguiron manter o peche das súas portas en tesoira, cuestión farto difícil nun convertible, e coas súas liñas futuristas será imposible que a xente non se vire pola rúa ao paso deste coche.

Como diciamos, o i8 Roadster está construído en base a un habitáculo monocasco de fibra de carbono, montado sobre un chasis de aluminio e pesa só 60 quilos máis que a versión Coupé debido á súa capota, que se abre en só 15 segundos con velocidade de ata 50 kms/h.

BMW fixo unha aposta vangardista a nivel estético e a sazona ademais cun grupo propulsor híbrido, caso insólito que permite contentar aos amantes das prestacións cos proteccionistas, que poderán circular con este deportivo durante 50 quilómetros en modo eléctrico grazas ás súas baterías recargables mediante unha toma de enchufe.

A base mecánica é un motor traseiro de tres cilindros, 1.5 litros con 231 cabalos que propulsa as rodas traseiras, e que se ve axudado por outro motor eléctrico de 143 cabalos que propulsa as rodas dianteiras. Unidos poden chegar a eses 374 cabalos que equilibran moi ben o coche con tracción total. O silencio en modo eléctrico vese interrompido cando conectamos a tecla de condución Sport e desenvolve toda a súa potencia cun son amplificado artificialmente polos altofalantes.

Unha vez colocados no interior do i8 Roadster, tarefa complexa debido ao ancho e alto alicerce lateral do monocasco, o piloto sentirase moi baixo respecto ao asfalto, condución típica de deportivo, coas levas do cambio no volante e cunha instrumentación dixital espectacular. As reaccións son instantáneas ao acelerar debido á tracción eléctrica que complementa ao motor de gasolina e é capaz de pasar de 0 a 100 kms/h en só 4,6 segundos. O consumo medio, en todo caso, é moi baixo, por baixo dos 3 litros aos 100 quilómetros.

ESPAZO PARA DOUS E EQUIPAXE

A posición de condución é moi baixa, hai que pensar que o coche só mide 1,29 de altura, e tras os asentos hai un pequeno oco para pezas ou equipaxes pequenas tipo bolso, mentres baixo o capó dianteiro hai un oco para unha maleta.

DESEÑO FUTURISTA

Algúns detalles de deseño, como as luces traseiras, son moi radicais, achegando a este modelo unha estética futurista que lle vai como anel ao dedo a un superdeportivo tan especial.

APERTURA DE PUERTAS EN TESOIRA

A apertura de portas en tesoira é puro espectáculo, pero para conseguilo nun roadster tívose que reforzar moito o arco do parabrisas, sobre o que se sostén a porta. Entrar e saír do coche require certa axilidade.

ÁXIL, DINÁMICO E BIPOLAR

A tracción eléctrica unida á convencional proporciona sensacións de aceleración brutais e o seu peso colocado moi abaixo polas baterías e a compacidad do seu motor tricilíndrico axuda nas curvas con reaccións moi neutras. Ademais, o i8 Roadster pode converterse nun silencioso e eficiente vehículo cidadán en modo eléctrico, manifestando así o seu outra cara.