A volta do ruxido ás Rías Baixas

Carlos Pereiro

MOTOR ON

Galicia será testemuña dun dos renacementos máis ansiados dentro do mundo do motor. O Rallye Recalvi Rías Baixas volve cunha inscrición completada en apenas día e medio e o aplauso dunha afección desexosa do seu regreso.

11 may 2018 . Actualizado ás 11:53 h.

Poucos xerros de auga tan fría recibiron os afeccionados galegos aos ralis como a cancelación, a principios do 2016, do Rallye Rías Baixas. A escuadra homónima, organizadora do evento, deixouno claro nunha rolda de prensa ao lembrar todos os problemas económicos que viñan arrastrando: non se vían coas forzas nin o apoio necesario para sacar adiante un evento desta magnitude. Unha das citas máis emblemáticas do motor galego precipitábase polo cantil. Ata agora.

Fernando Mouriño, presidente da escuadra Rías Baixas, recolleu a toalla que no seu día guindou. En decembro así se anunciaba. A edición número 52 da proba celebraríase ao fin. Unha das mellores probas do Campionato de España de Rallyes de Asfalto renacerá en dúas semanas, a fin de semana do 11 e 12 de maio, dentro do Campionato Galego como a súa terceira proba. Volverán ruxir os motores.

Foron un par de anos longos, pero dada a expectación xerada estes últimos meses parece que a espera terá merecido a pena. En marzo confirmábase que a escuadra pontevedresa obtiña o beneplácito do seu regulamento por parte da FGA, mentres que, á súa vez, confirmábase un dos grandes alicientes desta nova edición. A cidade de Vigo, con Samil á cabeza, será un dos escenarios principais da proba. Dúas xornadas de pura emoción para as que se abriu a inscrición o pasado 2 de abril e pecharase o vindeiro mércores.

Case cen quilómetros cronometrados e máis de catrocentos kiómetros comporán o Rías Baixas. O Porriño será tamén un das paraxes da competición, lugar no que o venres se realizarán as verificacións previas á carreira. Pola tarde está previsto que se arrinquen os motores e dispútese o primeiro tramo cronometrado do rali. Finalizada esta especial, a caravana do automobilismo volverá a Samil para descansar e prepararse para a próxima xornada. O sábado será o día grande. Para esta resurrección automobilística contarase con catro especiais cronometradas, que se completarán ata en dúas ocasións.

Desde a organización hase feito un especial chamamento á seguridade dos espectadores. A estas alturas todo o mundo é consciente os riscos dunha proba deste calado, e ata se pode observar facilmente a melloría en certos comportamentos ao comparalos cos vistos hai unha década na comunidade galega; pero ninguén esquece as traxedias do pasado, e menos cando están tan próximas como a sucedida no Rali da Coruña, que segou a vida de seis persoas e feriu a outras dezaseis.

Nunca hai un exceso de seguridade nin de atención, por iso o Rallye Recalvi Rías Baixas xa puxo na súa web, a disposición de calquera cunha conexión a Internet, as directrices a seguir durante toda a proba. Consellos que mutan en leis, se se dá o caso: chegar ao tramo co tempo suficiente, situarse en lugares elevados, evitar zonas potencialmente perigosas, non invadir os lugares marcados con cinta vermella (si os que están con cintas amarelas), deixar libres os accesos e vías de evacuación de ambulancias, respectar as propiedades lindeiras ao trazado e seguir as instrucións dos voluntarios e organizadores. Un conglomerado sinxelo, pero que axudará, innegablemente, a que a volta do Rías Baixas sexa un éxito pleno. Polo pronto, e tras as dúas primeiras probas disputadas (A Coruña e Noia), queda configurado un tridente que depara emoción e sa competitividade. Senra, Caamaño e Meira. Os tres homes destinados a medirse ao longo do campionato e que figuran nas listas como os aspirantes ao título de campión galego. Unha loita igualada e que promete ter a súa continuación en dúas semanas, despois de que Caamaño impuxese o seu ritmo en Noia e acabase por diante do piloto fisterrán. Un intercambio de papeis se miramos a clasificación da Coruña, e evitamos fixarnos demasiado no primeiro posto que ocupou Iván Ares, que decidiu participar na súa casa, pero que na práctica se atopa centrado no Campionato de España, polo que non conta para o certame autonómico.

Fernando Mouriño: «Coñecín o ‘Rías' vendo baixar coches pola Gran Vía»

Despois de tantos anos traballando no rali, o ver que non eramos capaces de sacalo adiante foi algo que nos doeu particularmente», recoñece Fernando Mouriño. As cousas cambiaron e a súa voz transmite as enormes ganas de que chegue a primeira fin de semana de maio. Polo momento, a participación de pilotos será plena. A inscrición voou, literalmente, en día e medio. Douscentos cincuenta coches sairán da Porta do Sol de Vigo nunha xornada de renacemento no deporte do motor.

Este último é un feito que desde a escuadra resaltan, a propósito da importancia que é levar a competición non só aos afeccionados, senón tamén aos alleos a ela, a potenciais descubridores. «Para que isto teña futuro debemos aproximar os ralis ás cidades. Eu coñecín o Rías así, vendo baixar os coches pola Gran Vía. A un éntralle a espiral e segue», ri Fernando.

Cunha saúde formidable e case única ve o presidente da escuadra o gran rali do sur de Galicia. Tamén con ilusión á hora de buscar e atopar a substitución xeracional que axude a continuar co legado do Rías Baixas, e co da afección. Que non perda o conseguido ata agora, e edúquese en todo o posible aos que chegan novos a este mundo do motor. «Tamén nos pilotos hai unha substitución, que aos poucos se vai realizando. O labor da Federación Galega está a axudar moitísimo a que pilotos que nunca participaran poidan facelo», conclúe.