O veloz trábol de catro follas

Juan Torrón

MOTOR ON

Din que atopar un trevo de catro follas dá sorte e por iso Alfa Romeo puxo aos seus modelos deportivos o apelido Quadrifoglio. Agora tocoulle a quenda ao SUV da marca, o Stelvio, e non se se lle dará sorte, pero o que é seguro é que terá prestacións de vertixe cos 510 cabalos do seu motor V6 biturbo.

08 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Alfa Romeo pretende encher o oco de marca deportiva do grupo Fiat e por iso, o mesmo que lle ocorreu a Porsche co Cayenne, tivo que sufrir o acoso dos puristas da marca cando anunciaron que ían entrar no segmento dos SUV.

Un SUV non é rápido dicían uns, un SUV non pode ser bonito, clamaban outros. Pero cando viron as primeiras imaxes do Stelvio todas as bocas calaron. O Stelvio é un dos SUV máis belos do planeta e agora xa hai un Stelvio capaz de marcarse un tempo de 7 minutos, 51 segundos e 7 décimas no Inferno Verde do Nordschleiffe, o mítico trazado de Nürburgring onde poucos poden acadar a esa cifra e menos se é un pesado SUV. Alfa camiña de novo cara ao éxito, se a economía do grupo Fiat dálle tempo e diñeiro, e o Stelvio Quadrifoglio será un bo revulsivo cando empezo a lucir talle pola Costa amalfitana ou a Riviera francesa.

Para conseguilo, a marca italiana tivo que meter na súa compacta carrocería (mide 4,70 metros) un poderoso motor V6 de 2.9 litros biturbo de aluminio inspirado na sapiencia de Ferrari nas carreiras.O bicho ofrece, xeneroso, 510 cabalos de potencia cun par motor de 600 Nm (newtons/metro) a partir de 2.500 voltas. Para os que somos de letras, unha besta de empurrar. A guinda ao motor ponlla unha caixa de cambios automática de oito velocidades capaz de cambiar de marcha en só 150 milésimas de segundo, máis rápido que o mellor piloto cun cambio manual. Resultado: de 0 a 100 en 3,8 segundos, o que tardas en dicir ˇcomo vai!

Para os que non teñen as mans de Fernando Alonso hai remedios. Ou un curso de condución (en Galicia hai unha escola moi boa que se chama PTC) ou activar o innovador sistema de tracción total Q4 en combinación co Alfa Torque Vectoring, que che asegurará polo menos entrar nas curvas sen sustos, aínda que nin soñes con que poidas marcar menos de dez minutos en Nordschleiffe. Pero o Torque Vectoring actúa sobre as suspensións para que todo vaia sobre raíles.

Con toda esta tecnoloxía o Alfa Romeo Stelvio Quadrifoglio convértese nun dos SUV máis rápidos do planeta, xa que cos seus 1.870 quilos de peso saca unha relación peso potencia de 3,6 quilos por cabalo.

Do resto case nin lles falo, mellor miren as fotos, e o último que engadiría é que a tal señor, tal honra, e para levar un trevo de catro follas hai que buscalo ou pagar 104.000 euros por leste.

Giulia Quadrifoglio, para ir máis pegado ao asfalto

A berlina de Alfa, o Giulia, tamén se beneficiará do motor desenvolvido por Ferrari para o Stelvio e lucirá un trevo de catro follas na súa traseira para anunciarnos que se pode voar máis baixo nun Alfa. Para aqueles puristas que din que non a un SUV por alto e pouco aerodinámico, sempre quedará o Giulia, un nome para a nostalxia e agora una das berlinas medias máis deportivas de Europa, que chegou para emendarlles a plana a marcas como BMW, Mercedes ou Audi. Porque o Giulia pesa soamente 1.655 quilos para os mesmos 510 cabalos do seu irmán Stelvio e á súa mellor relación peso/potencia únelle tamén un mellor coeficiente aerodinámico e un prezo máis aquilatado que rolda aproximadamente os 85.000 euros.