O coche que chama ao 112

José Manuel Pan
José Manuel Pan REDACCIÓN

MOTOR ON

Os turismos e furgonetas de nova fabricación deben incorporar desde este mes o eCall, un sistema que activa unha alerta telefónica ao 112 en caso de accidente. Trátase de acelerar a chegada dos servizos de asistencia e o traslado dos feridos.

08 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é ciencia ficción. É a tecnoloxía ao servizo da seguridade viaria. Falamos do eCall, o sistema que activa automaticamente unha alerta en caso de accidente de forma que o propio vehículo chama ao 112, o teléfono europeo de urxencias. O eCall non evita accidentes, pero si pode minimizar as súas consecuencias ao reducir á metade o tempo de resposta dos servizos de rescate e asistencia sanitaria. Desde este mes de abril é obrigatorio en todos os coches de nova fabricación. Así funciona o eCall.

CHAMADA AUTOMÁTICA

O sistema actívase cando saltan os airbags debido a un impacto. Inmediatamente, o sistema electrónico do coche chama automaticamente ao 112. Esa chamada entra no servizo cun código especial de urxencia que indica que se trata dunha alerta de atención prioritaria por accidente de tráfico.

LOCALIZACIÓN POR SATÉLITE

Na mensaxe de alerta lanzado desde o coche envíanse datos básicos para dar unha resposta eficaz e rápida. O operador identifica na alerta a hora do accidente, a súa localización exacta, a dirección de desprazamento e a descrición do vehículo accidentado, coa súa marca, modelo, matrícula e combustible que utiliza. Eses datos permiten que os servizos de urxencia saiban os recursos que deben empregar e o acceso máis rápido ao lugar do sinistro.

ALERTA XERAL

Esa chamada automática xera ademais unha alerta xeral que é transmitida á Agrupación de Tráfico da Garda Civil, ao 061, ás policías locais e aos servizos de salvamento. Ao mesmo tempo, a DXT xera mensaxes de advertencia nos seus paneis de información co lugar do accidente.

TAMÉN CHAMADA MANUAL

A chamada tamén pode facerse manualmente. Os coches con eCall levan unha tecla (algúns inclúena desde hai anos) que activa as alertas da mesma forma que o sistema automático. Se o coche non ten eCall, a chamada ao 112, que é gratuíta, pode facerse desde calquera móbil.