O incombustible con tres formatos

Juan Torrón

MOTOR ON

Honda presenta unha nova xeración do seu modelo máis popular, o Civic. Trátase da décima e con ela competirá no segmento dos coches compactos cunha carrocería sedan, outra de cinco portas e xa por ultimo coa versión deportiva Type R, que cumpre 25 anos.

14 ene 2018 . Actualizado ás 10:02 h.

O novo Civic estrea chasis e por iso é agora máis longo, máis ancho e tamén máis baixo. O seu deseño afástase da competencia, do mesmo xeito que as súas rodas, que se colocan preto das esquinas para ofrecer beirís máis curtos e un maior espazo no habitáculo. O seu frontal é afiado e as súas tomas de aire amplas. As súas liñas de carrocería están moi marcadas e na súa traseira cobran gran protagonismo os pilotos. Ao baixar o seu centro de gravidade, o seu novo chasis máis ríxido permite unha maior estabilidade, ao que contribúe tamén o deseño da nova suspensión. Por certo, nas versións máis altas esta suspensión pode ser adaptativa, podendo seleccionar o condutor dúas durezas diferentes segundo as condicións. A versión 5 portas, fabricada en Inglaterra, disporá de dúas motores gasolina Turbo Vtec capaces de ofrecer unhas boas prestacións cuns consumos contidos grazas á redución da súa cilindrada a 1 litro e tres cilindros e 1,5 litros e catro cilindros, cuxa potencia se sitúa nos 182 cabalos. O novo Civic tamén ofrece unha caixa de cambios manual de 6 velocidades, moi eficaz e sobre todo precisa, con percorridos moi curtos da panca. Para os amantes do automático ofrécese a CVT, con dous posibles programas adicionais.

Di Honda que este é o Civic máis amplo no que ao seu habitáculo se refire, e mesmo máis grande que o da competencia, non só para os ocupantes, senón tamén para a súa equipaxe, xa que dispón de 478 litros de maleteiro. Un volante multifunción deixa entrever os reloxos, mentres unha pantalla táctil central de 7 polgadas ofrécenos a integración completa do noso smartphone

Ademais da carrocería de 5 portas, Honda ofrece a versión sedán, que mide 4,6 metros, dez centímetros máis que a 5 portas, e o deportivo Type R. Este último celebra os seus 25 anos no mercado e faino co motor máis potente, o 2 litros turboalimentado capaz de ofrecer 320 cabalos.