Renault Zoe: 300 quilómetros reais

Javier Armesto Andrés
Javier Armesto REDACCIÓN

MOTOR ON

Conducir un eléctrico é unha experiencia moi satisfactoria, tanto por confort de marcha como por saber que non estás a contribuír a contaminar o planeta. E con modelos como o renault Zoe xa non é unha quimera, é unha posibilidade moi real. Pero necesítanse máis estacións de carga: a administración e a industria teñen que pórse as pilas.

14 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Zoe é un utilitario de catro metros cun deseño moi limpo e de formas suaves. O protagonismo lévanllo os grupos ópticos, especialmente os led diúrnos dianteiros con forma de bumerán e os faros traseiros, que teñen unha cuberta transparente percorrida por unha trama de liñas azuis. O tirador das portas posteriores vai integrado no portelo e o frontal está dominado polo gran rombo de Renault. Debaixo del, apertando un botón do cartón mans libres ou da consola, atopamos a toma de carga.

A batería vai situada no chan do vehículo, o que permite baixar o centro de gravidade e, á vez, manter o volume do maleteiro, que ten 338 litros de capacidade.

O interior é bastante espartano e a maioría das superficies son plásticos duros. A través do volante vemos unha pantalla estreita e alongada que pode adoptar tres configuracións. Móstranos, de esquerda a dereita, a autonomía restante, o nivel de potencia que estamos a usar ou se a batería se está recargando, a velocidade e o consumo total e instantáneo en quilowatts/hora. Na consola central, unha pantalla táctil de 7 polgadas permite ver un resumo do noso percorrido e a eficiencia da condución, gardar os resultados e comparalos. Xunto á panca, o botón Eco modifica o comportamento do coche para garantir o mínimo gasto de enerxía.

Motor

O motor do Renault Zoe rende 92 cabalos e como todos os eléctricos acelera moito nos primeiros metros pero logo cústalle gañar velocidade. Por exemplo, acada os 50 quilómetros por hora en só 4 segundos e os 80 por hora en 8,6, aínda que para completar o 0 a 100 lévalle máis de 13 segundos. O peso son case 1.500 quilos e iso penalízalle bastante. Hai que ter en conta que a batería dun coche cento por cento eléctrico é moi grande e engade preto de 300 quilos ao vehículo. A velocidade máxima son 135 quilómetros por hora, máis que suficiente se respectamos os límites legais.

O coche roda moi fino e aplomado nas curvas, cunha suspensión que filtra bastante ben as irregularidades do asfalto. A insonorización non é perfecta, pero como o motor non fai ningún ruído rodamos practicamente en silencio, o que aumenta a comodidade. Para que os peóns se decaten da nosa presenza, o Zoe emite un son a baixa velocidade que se pode modificar mediante un botón situado no cadro de mandos.

Unha das curiosidades cando conducimos un coche deste tipo é experimentar o chamado “estrés do eléctrico”, unha especie de inquedanza ao comprobar como se vai reducindo a autonomía dispoñible e sabendo que a rede de puntos de carga é moi limitada. O mellor é que a batería tamén se recarga ao deixar de acelerar ou ao frear, e de feito puidemos ver como o contador de autonomía aumenta durante a condución cando baixamos por unha pendente.

Hai dúas opcións de baterías, de 22 quilowatts e de 41, que é a que dá a maior autonomía. Con esta última, o Zoe chegou a percorrer 400 quilómetros na proba de homologación. Renault recoñece que a autonomía real son 300 quilómetros e pódese ver influída polo tipo de condución, a velocidade, os desniveis do percorrido, o número de ocupantes e a equipaxe, o uso do climatizador e mesmo a temperatura exterior. Por exemplo, no inverno a autonomía media baixa aos 200 quilómetros. Para conseguir estas cifras tamén son moi importantes os pneumáticos Michelin Energy EV, que ofrecen unha resistencia moi débil ao circular e non están dispoñibles con lamia de 17 polgadas.

Nun tramo de 15 quilómetros, ás 8 da mañá, cunha temperatura exterior de 2 graos, o desfasamento entre os quilómetros percorridos e os que descende a autonomía é de -11 (a autonomía ao partir era 250 quilómetros e ao chegar, 224). Nese mesmo tramo pero ás 3 da tarde, cunha temperatura de 12-14 graos, conseguimos unha diferenza positiva de +12 quilómetros (percorremos 15 e o contador de autonomía só marcaba tres quilómetros menos).

O Zoe utiliza un tipo de cargador propio chamado Camaleón que se adapta ás distintas potencias dispoñibles, tanto en monofásico como en trifásico. En só 30 minutos podemos conseguir 120 quilómetros de autonomía real, aínda que unha carga completa pode oscilar entre 2 e 15 horas dependendo dos quilowatts contratados. Tamén hai un cable opcional para un enchufe doméstico, pero o tempo de carga aumenta notablemente.

Equipamento

A versión que probamos, cedida polo concesionario Renault Caeiro, é a intermedia Intens, e inclúe sensor de luces e choiva, arranque por botón, elevalunas e retrovisores eléctricos, climatizador, navegador con mapas TomTom e cámara de visión traseira.

Prezo e balance

O Renault Zoe está dispoñible desde 15.670 euros con batería de 22 quilowatts e punto de carga e instalación incluídos. O plan Movalt para a adquisición de vehículos movidos por enerxías alternativas subvenciona a compra con ata 5.000 euros, pero os fondos están esgotados, aínda que probablemente o Goberno volverá lanzalo no 2018.