Treme, TMAX

Javier Armesto Andrés
Javier Armesto REDACCIÓN

MOTOR ON

A Yamaha saíulle un competidor moi serio. O Kymco AK 550 chega con máis potencia, un deseño moi agresivo e un prezo sen rival no seu segmento. o trono dos maxiescúteres deportivos está en xogo.

24 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Kymco AK 550 ten unha estética futurista, cun frontal afiado e moitas liñas rectas e planos cortantes. Os faros son led e os retrovisores van situados sobre a carrocería, polo que os temos sempre na nosa perspectiva. A pantalla pódese regular manualmente en dúas posicións, pero necesitaremos ferramentas.

O arranque e a apertura do baúl e do depósito sen chave é un dos detalles tecnolóxicos desta moto, xunto a un cadro de instrumentos dixital moi luminoso e dividido en tres sectores. O panel dereito mostra velocidade, temperatura do motor e nivel de carburante; e o esquerdo as revolucións e o computador de abordo, que inclúe a carga da batería e a presión dos pneumáticos. A pantalla esférica central pódese sincronizar co móbil e podemos configurala para que mostre as nosas fotos.

Motor

Despois de probar o AK 550 durante unha semana en todas as condicións, sol, choiva, frío, calor… podemos dicir que esta é unha moto espectacular. En seco pégase ao asfalto como a cotra e pódese inclinar máis do que dita a lóxica sen que faga un mal xesto. Un golpe de acelerador deixa atrás a todos os coches e acada os límites legais de velocidade, cun son grave que chama a atención. Rende 53 cabalos, oito máis que a súa rival xaponesa, aínda que tamén pesa 15 quilos máis.

A posición é cómoda, cos brazos lixeiramente flexionados cara abaixo. A plataforma para os pés non é moi ampla, pero podemos levar as pernas semiestiradas. A pantalla protexe ben o peito, levámola no seu punto máis baixo e non crea turbulencias. En cambio, de cintura para abaixo cóase bastante aire.

As suspensións son doutor Jekyll e Mr. Hyde, a pinza investida dianteira afúndese moito nas freadas mentres que o monoamortiguador traseiro é bastante firme. O ABS funciona de forma extraordinaria e en combinación coas pinzas radiais Brembo a seguridade é total.

Dispoñible só en cor negra, o Kymco AK 550 costas 9.949 euros, 2.300 euros menos que a TMAX e 1.700 euros menos que a BMW C 650 Sport. Unha diferenza de diñeiro notable que podemos investir en equiparnos a lume de biqueira.